RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Paula Monteagudo: É un privilexio poder seguir aquí

Paula Monteagudo asegurou na sala de prensa de Abegondo, asinada a súa renovación até 2026 no Dépor ABANCA, que "estou moi contenta cando ves que o Club aposta por ti e dáche a confianza. É un privilexio poder seguir aquí vinculado a este Club".

Aclara que "o primeiro ano é con ficha do B, o segundo de primeiro equipo e moi contenta, tentando achegar sempre o meu granito de area xogue onde xogue. E a dalo todo".

A atacante deportivista opina que "o primeiro equipo estea en Primera División é algo moi importante para o Club porque están a facer un proxecto a longo prazo no que era esencial subir a Primera División. Estou moi contenta por iso".

Pensa que ter ficha co filial "é algo bo porque o que quere unha xogadora é xogar e se non estou a ter oportunidades no primeiro equipo, baixar e poder axudar ao filial é algo bo".

Admite Paula Monteagudo que o salto entre a liga F e a Tercera Federación na que milita o Deportivo ABANCA B "é grande, pero estou en dinámica do primeiro equipo. Estou toda a semana adestrando con elas entón estou bastante adaptada ao ritmo. Agora mesmo co filial o que queremos é ascender. É moi importante porque hai moita diferenza entre unha liga e outra. Esperemos que este ano o consigamos".

A futbolista branquiazul asume que é "unha xogadora de canteira. O que se espera de min é que o faga moi ben co filial e logo se teño algunha oportunidade aproveitala e tentar facelo o mellor posible".

Finalmente, como viguesa alégrase pola recentemente creada sección feminina do RC Celta: "É algo moi bo tanto para Galicia como para España. Teño moitas ganas de xogar un derbi e esta temporada co filial vaise a poder dar. Isto significa que o fútbol feminino segue crecendo aos poucos".

 

/* Bot imbee */