RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Primeiro adestramento en Abegondo de Zakaria Eddahchouri que chega "a complementar as condicións dos xogadores de ataque que temos"

Zakaria Eddahchouri, incorporado onte ao Dépor, adestrouse esta mañá con normalidade cos seus novos compañeiros.

Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, subliñou que "é un mozo que vén para axudarnos, a complementar as condicións dos xogadores de ataque que temos".

Cualificouno como "diferente, que nos vai a achegar outras cousas, con capacidade para asociarse, para ir ao espazo e con capacidade para facer gol. A secretaría técnica vén seguindo desde hai tempo e púidose facer".

Sen apenas tempo de recuperación após o partido do pasado mércores en Tenerife, segundo desta semana co do sábado 25 en ABANCA-RIAZOR ante o Levante UD, e xa co da SD Eibar do domingo 2 de febreiro ás 16:15 en Ipurúa no horizonte, o corpo técnico dispuxo esta mañá dunha activación con rondos e roda de pases, un exercicio de posición e partidos en espazo reducido para rematar".

"Para o xogador sempre é bo porque aos futbolistas o que lles gusta é xogar. É certo que está máis cargada. É todo máis apurado pero non é habitual e tampouco pasa nada", comentou o adestrador branquiazul.

Os futbolistas titulares no Heliodoro Rodríguez López, ademais de Obrador, fixeron co resto do equipo unicamente a primeira parte da sesión. A continuación pasaron a tarefas de recuperación no ximnasio e a sala de fisioterapia.

Óscar Gilsanz explicou do lateral zurdo que "está mellor" das molestias que lle deixaron fóra do encontro o pasado mércores. "Imos ver entre hoxe e mañá se pode chegar a estar dispoñible. O adestramento de mañá será o que nos marque o camiño", engadiu.

Ademais de Escudero, que hoxe pasa por quirófano, está con adestramento personalizado Mfulu: "Fixéronselle probas. Parece que é pouca cosa pero en principio para esta semana non vai estar", subliñou Óscar Gilsanz.

Mañá sábado 1 de febreiro o Dépor adianta a hora de adestramento, que será ás 10:00 en Abegondo, posto que ao finalizar os convocados emprenderán viaxe a Eibar por estrada.