RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Punto traballado para chegar no máis alto ao duelo no cume (1-1)

O Deportivo ABANCA sumou un traballado empate no céspede artificial do filial do Atlético de Madrid co que se asegura chegar no máis alto da clasificación ao duelo no cume do próximo sábado en Abegondo ante o RCD Espanyol.

Irene Ferreras convocou para a viaxe á capital de España a tres canteirás ante as numerosas ausencias. A preparadora deportivista non puido contar con Ayaka Noguchi, Ana de Teresa e Sara Debén, lesionadas.

Unha temperá xogada marcou o partido. Produciuse no minuto 7, cando a porteira local derrubou a Ainhoa Marín após chegar tarde e a colexiada non castigou a acción con penalti. Aínda por riba, a dianteira catalá tentou continuar no partido tralo duro choque pero antes do cuarto de hora tivo que ser relevada por Carlota Sánchez.

A primeira metade desenvolveuse entre numerosas imprecisións e abundantes paróns no xogo, o que se traduciu na ausencia de achegamentos claros ás porterías.

A segunda metade arrancou da peor maneira posible, co tanto branquivermello. Corría o minuto 50 cando Sara cabeceou un córner ao fondo da portería defendida por Lucía.

As branquiazuis non atopaban a maneira de facer dano ao conxunto madrileño, que ademais viu como a árbitra anuláballes un tanto por fóra de xogo no minuto 69.

Con todo, un minuto despois, chegou o 1-1. Parede entre Paula Gutiérrez e Millene que deixou soa ante a porteira á brasileira, que definiu á perfección coa zurda para lograr o empate, o seu quinto tanto no presente curso e o número 18 coa camiseta deportivista, que a eleva á 9ª posición no ranking histórico de goleadoras.

O conxunto coruñés pasou a dominar con maior insistencia, pero unicamente logrou forzar varios saques de esquina. O control aumentou cando o Atlético de Madrid B quedou con dez, despois de que Dana Benítez vise a segunda cartolina amarela no minuto 79.

Non foi até o cuarto minuto de engadido cando máis preto estivo a vitoria. Lucía Rivas protagonizou unha acción individual no extremo esquerdo pero o seu pase non chegou a rematalo ninguén na área pequena. No contragolpe, Lucía desbaratou un man a man branquivermello que podía custar un desgusto ás herculinas, completamente envorcadas en pos dos tres puntos.

Con este empate, o cuarto da temporada, o Dépor ABANCA suma 34 puntos despois de 15 xornadas, á espera do que o seu principal perseguidor (31 puntos) e próximo rival, o RCD Espanyol, faga mañá domingo ante o CD Alba Fundación Femenino.

Atlético de Madrid B: Adriana, Laia, Yoli, Reyes, Alba Dargel, Sara Martínez, Jenni López, Vicky, Dana Benítez, Andrea Recio e Rincón.

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Henar, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Ainhoa Marín (Carlota, min. 13) (Lucía Rivas, min. 58), Charle (Lía M., min. 88) e Millene.

Goles: 1-0 Sara (min. 50); 1-1 Millene (min. 70).

Árbitra: Lorena do Mar Trujillano Gallardo (c. andaluz). Expulsou por dobre amarela a Dana Benítez (min. 79). Cartón amarelo a Inés Altamira (min. 68).

Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo 2 do Centro Deportivo Wanda Alcalá de Henares.