RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Quinta vitoria consecutiva dun Dépor desatado en ataque (4-1)

O Deportivo sumou a súa quinta vitoria consecutiva no campionato ante un SD Tarazona que vendeu cara a súa pel pero que acabou fincando o xeonllo ante o desatado potencial ofensivo do conxunto coruñés, autor de 13 goles nas 3 últimas xornadas.

Imanol Idiakez, preparador deportivista, repetiu o once inicial que presentou na pasada xornada na incontestable vitoria ante o SD Logroñés en Las Gaunas (0-5).

A tupida defensa do SD Tarazona puxo en dificultades ao Dépor desde o principio. Os branquiazuis non atopaban ocos e, aínda por riba, o conxunto aragonés saía con certa soltura ao contragolpe. O equipo visitante foi o primeiro en disparar a porta, no minuto 12, mediante un potente zurdazo de Keita desde a frontal da área que Germán blocou con seguridade.

O Dépor respondeu o minuto 15 cun sensacional pase picado de Yeremay que deixou a Lucas só ante o porteiro, aínda que escorado, e estrelou o seu zurdazo contra o seu cuertpo.

Ao fío da media hora, Jose Ángel disparou coa esquerda desde dentro da área, a pelota pegou nun defensa e foise a córner. No saque de esquina, xogado en curto, Lucas púxoa perfecta no segundo pau para Pablo Martínez, pero Trilles anticipouse milagrosamente para conceder un novo córner.

O SD Tarazona chegou de novo no minuto 41 cunha cabezada franca aínda que un tanto afastada de Liberto que detivo con facilidade Germán.

Foi o preludio do primeiro tanto da tarde. O Dépor abriu o marcador no minuto 44, cando Barbero remachou unha chegada á liña de fondo de Mella. Foi o terceiro gol do '9' deportivista na presente temporada.

A segunda parte deu inicio con certa tranquilidade, que foise ao traste aos dez minutos. Xusto após realizar un triplo cambio, o SD Tarazona igualou a contenda. O recentemente ingresado Fer Cano foise pola dereita, recortou en dúas ocasións, púxoa na área, Diego Villares despexou en curto, o coiro caeu no punto de penalti a Álex Gil que, con tranquilidade, recortou para facerse oco e pola coa dereita lonxe do alcance de Germán.

Os branquiazuis non tardaron en reaccionar. No minuto 64, Yeremay protagonizou unha veloz internada na área, cun centro tépedo coa esquerda que superou a estirada do porteiro pero ao que Barbero, lanzándose con todo, non puido chegar por escasos centímetros.

Dous minutos despois, chegou o 2-1. Pablo Vázquez bateu ao porteiro visitante ao cabecear inapelablemente unha falta lateral colgada por Lucas. Foi o quinto gol da temporada, cuarto en Liga, do goleador central valenciano.

Co marcador de novo a favor, o Dépor tivo varias ocasións para sentenciar. No minuto 69, un pase interior de Mella para Ximo Navarro, que chegaba desde atrás, rematouno de primeiras no lateral cun forte dereitazo que Salvi Carrasco rexeitou a córner. No minuto 74, a afección reclamou penalti de Carlos Javier sobre Raúl Alcaina despois dunha sensacional acción individual de Yeremay ao contragolpe.

A sentenza chegou no minuto 82, nun pícaro e certeiro lanzamento directo de falta por fóra da barreira de Lucas. O '7' deportivista suma 8 goles no presente curso, 7 en Liga -e todos nas últimas 7 xornadas-, e 50 en partidos oficiais co Dépor, cos que entra no top-20 histórico do Club igualando a Djalminha.

Raúl Alcaina redondeou o marcador cinco minutos despois. Yeremay e Alcaina correron a por un pase en profundidade de Lucas, Salvi Carrasco saíu da área a tentar despexar pero o balón golpeou no ariete valenciano, que llo acomodou de espuela en carreira para marcar a porta baleira. Raúl Alcaina suma 2 goles en 45 minutos.

O Dépor logrou así a súa quinta vitoria consecutiva, xeira que non conseguía desde xaneiro de 2022. O equipo branquiazul só perdeu 1 dos últimos 13 partidos, nos que sumou 30 dos 39 puntos posibles. E nas últimas 5 xornadas viu porta nada menos que en 17 ocasións. Con estes 3 puntos, o Deportivo eleva a súa conta a 44, cos que se sitúa na terceira praza, a só 2 puntos do líder, o Gimnàstic de Tarragona, e a 1 do segundo clasificado, a SD Ponferradina, que hoxe empataron os seus respectivos partidos.

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez (Dani Barcia, min. 85), Balenziaga, Jose Ángel, Diego Villares (Rubén López, min. 90), Mella (Hugo Rama, min. 85), Lucas, Yeremay (Quintero, min. 90) e Barbero (Raúl Alcaina, min. 70).

SD Tarazona: Salvi Carrasco, San Emeterio, Amoah, Pedreño, Trilles (Carlos Javier, min. 56), Gnali, Keita (Javier Areso, min. 56), Ramón Bueno (Fer Cano, min. 56) (Alonso, min. 61), Álex Gil, Dani Pichín (Liberto, min. 36) e Andreu Guiu.

Goles: 1-0 Barbero (min. 44); 1-1 Álex Gil (min. 56); 2-1 Pablo Vázquez (min. 66); 3-1 Lucas (min. 82); 4-1 Raúl Alcaina (min. 87).

Árbitro: Aimar Velasco Arbaiza (c. vasco). Expulsou con vermella directa ao segundo adestrador do Deportivo, Mario Gibanel, e ao adestrador visitante, Molo, ambos no minuto 75. Cartón amarelo a Trilles (min. 20) e Rubén López (min. 90+3).

Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 21.046 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK