RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Raí cualifica o partido ante o Pontevedra CF "dunha gran oportunidade" e pide "non pensar en obxectivos nin noutra cousa máis aló"

O futbolista brasileiro Raí pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista cualifica o encontro ante o Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR o 6 ou 7 de marzo como "un partido moi importante para nós. Estamos centrados niso. Non nos saíron as cousas no último partido por circunstancias do fútbol. Deus e a competición déronnos outra oportunidade de reverter a situación contra o Pontevedra CF. É unha gran oportunidade".

Por este motivo, pide ao equipo "estar centrado no partido sen pensar máis aló nin menos que o día 7. Se é para cambiar para mellor na clasificación, benvido sexa. O equipo non ten que pensar nin obxectivos nin noutra cousa máis aló que gañar o día 7".

Raí, que chegou ao Dépor no pasado mercado de inverno, atopouse con "un grupo fantástico, un ambiente incrible tanto futbolístico como humano. Vexo que somos capaces de cambiar calquera resultado en calquera partido. Seguramente cando toque e cando pase todo verase doutra maneira. De momento cando se pon por diante o outro equipo temos oportunidades de remontar pero tes ese factor sorte que non che acompaña e non acaban entrando. Pero a cabeza que temos todos é que podemos, que temos suficiente capacidade para reverter calquera resultado".

Insiste en que o vestiario de ABANCA-RIAZOR "é unha gran familia. Estamos todos unidos, moi fortes. Se non está a entrar agora mesmo temos que crear máis".

En canto ás contas para a clasificación, é consciente Raí que "está complicado para todos. Está todo moi igualado. O que gañe se cadra parece que está dentro e o que empate parece que está fóra. Non temos iso na cabeza. Temos o partido do Pontevedra CF. Temos que sacar ese partido e traballar máis duro do que vimos facendo".

Conta que empezou a xogar ao fútbol na rúa e "xamais na rúa tiven unha oportunidade de estar cun gran equipo e un gran club como é o Deportivo. É de apreciar estar con esta camiseta e gozar ao máximo".

Por este motivo, advirte que "non hai presión, o que hai é orgullo, é ese afán de querer traballar, de querer demostrar; e de gozar da profesión e do escudo".