Raúl Alcaina destaca do Dépor na súa presentación o proxecto para estar no fútbol profesional
Raúl Toni Alcaina Fenollosa (Museros, Valencia, 19 de xullo do 2000) foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor até xuño 2026.
En primeiro lugar pousou coa súa nova camiseta para os medios gráficos no campo principal da Cidade Deportiva antes de pasarse pola sala de prensa.
Fernando Soriano, Director Deportivo do Club, afirmou que "desde o principio de mercado estaba a buscarse un xogador que puidese ocupar a posición de referencia, que puidese competir o posto con Barbero e con Davo, e que tivese unhas características das que ten Raúl. Deuse a circunstancia. Foi todo moi rápido porque se falou a finais de decembro, cando a porta estaba completamente pechada. Pero a fin de semana abriuse un pouquiño e aproveitamos a situación. Falamos co CD Alcoyano, a relación foi moi boa, moi satisfactoria e chegamos a un acordo para que el puidese vir neste momento".
Destaca do novo dianteiro deportivista "a versatilidade que ten, pode xogar perfectamente con calquera dos 3 xogadores que nomeei antes na zona de ataque, mesmo el só. Decidirá o míster se quere xogar con 1, con 2, como queira pero completamente compatible con eles. É o que estabamos a buscar".
Así mesmo, Raúl subliñou que o do Dépor "é un proxecto para estar no fútbol profesional, pero imos ir partido a partido, tentando ir sumando os máximos puntos posibles e ao final de temporada veremos. O proxecto é moi bo e para min é ideal".
Confirmou que as negociacións entre as partes foron "bastante rápidas porque me comunicaron que chegaran a un acordo co CD Alcoyano e ao escoitar que era o Dépor o que chegara a un acordo foi unha ilusión enorme. Tiven pouquiñas dúbidas".
Admite que no verán houbo varios equipos interesados en fichalo "pero o Club non deixou que me marchase. Querían facer un proxecto ambicioso, querían contar comigo e non me deixaron saír; pero eu terminaba o contrato en xuño e decidiron neste mercado de inverno que puidese saír".
O novo ariete branquiazul defínese como "un dianteiro potente que me gusta atacar os espazos. Gústame estar en movemento, romper, ir recibir, sempre estar en zona de finalización. Á parte destas cousas traballo non vai faltar e garra tampouco".
De feito, engade que "veño xogando estes anos de dianteiro centro, pero na posición que toque xogar vou tentar dar o cento por cento. Coas miñas características pódome adaptar porque ao ser potente podo sacar vantaxe".