RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor que "creu até o final" supera ao Real Zaragoza para aferrarse á segunda praza

O Dépor venceu (2-1) ao Real Zaragoza este sábado 21 de marzo en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 31ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Antonio Hidalgo subliñou na rolda de prensa pospartido que "o equipo creu até o final e atopou o premio da vitoria".

Con este resultado, Os Nosos suman 55 puntos e mantéñense na 2ª posición de LaLiga Hypermotion.

O partido arrincou ás 19:00, 2 horas antes do asubío inicial posto que o cadro deportivista recibiu o agarimo de ANOSAFORZA á chegada do autobús do equipo á porta cero do estadio.

Foi baixa por sanción Dani Barcia, que viu no Estadio Alfonso Murube de Ceuta o seu 5º cartón amarelo; do mesmo xeito que o técnico Antonio Hidalgo, que seguiu o xogo na cabina dos analistas. Ignasi Salafranca foi o que dirixiu ao equipo desde a banda.

Así mesmo, están lesionados David Mella, que esta semana foi intervido cirurxicamente polo doutor Manuel Leyes dunha lesión no ligamento lateral externo do seu xeonllo esquerdo; e Loureiro, cunha escordadura de nocello.

Yeremay arrincou no banco e saltou ao campo na recta final. "Ten o seu proceso. Fixo o esforzo grande para a situación que requiría o partido nos últimos minutos. Viña con moi pouco volume porque a lesión o require para que esas molestias poidan ir desaparecendo do todo", declarou respecto diso o adestrador branquiazul.

Ademais de Bil, titular, Samu foi o outro representante de #ANOSACANTEIRA.

O partido torceuse axiña. O Real Zaragoza do ex deportivista Pablo Insua adiantouse aos 7 minutos nunha xogada por banda dereita que Dani Gómez cruza facendo ineficaz a estirada de Ferllo.

No primeiro tiro entre os 3 paus acertou o conxunto aragonés.

Respondeu o Dépor aos 10 minutos cun centro de Altimira que cabecea Bil fóra por pouco.

Empuxaban os de Hidalgo, que por momentos encerraron ao Real Zaragoza na súa área.

Stoichkov empatou de forte chute desde fóra da área no minuto 20 ao que non pode responder o porteiro Andrada.

A pesar de dominar o xogo o Dépor, apenas si creou perigo sobre a portería rival. 

Case sobre o asubío final una contra lanzada por Quagliata acaba nos pés de Alti, que totalmente só xuta demasiado alto.

Idéntica sorte correu outro chute de Ximo Navarro co que concluíu a primeira parte.

Con 1-1 chegouse ao descanso.

"Fixemos unha moi boa primeira parte, controlando o partido, con situacións de gol", subliñou o técnico deportivista. 

Após o paso polos vestiarios, o partido igualouse.

"Pecháronnos máis por dentro, meteron máis xente na base e aí faltounos un pouco de enerxía, un pouco de pernas", apuntou o preparador deportivista.

Aos 64 minutos, Ferllo fai unha gran parada a disparo de Dani Gómez de socato. O dianteiro zaragocista desviou a portería un centro desde a dereita.

Antonio Hidalgo empeza a mover o banco. Cristian Herrera releva a Altimira. O canario situouse na banda zurda e Luismi pasou á dereita.

Pouco despois, Yeremay e Mulattieri, ao cabo definitivo, entraron por Stoichkov e Bil. Logo Eddahchouri e Escudero por Luismi e Quagliata.

"Metemos todo o que tiñamos no banco. Seguimos empuxando", afirmou o adestrador do Dépor na sala de prensa. 

Decidiu o partido un gol do dianteiro italiano no minuto 86. Ximo, desde a banda dereita, mete un centro longo á área. Eddahchouri gáñalle a partida a Insua e deixa a Mulattieri, que vén de fronte e volea á rede nunha acción similar ao tanto que fixo en Almería.

A xogada tivo suspense pois o VAR revisou un posible fóra de xogo de Eddahchouri que por milímetros estaba habilitado.

A partir de aí o Dépor soubo afastar ao Real Zaragoza da área e nos 6 minutos de desconto non houbo máis accións de perigo.

Deportivo: Ferllo, Ximo Navarro, Noubi, Arnau, Quagliata (Escudero, min. 81), Villares, Mario Soriano, Altimira (Cristian Herrera, min. 65), Luismi Cruz (Eddahchouri, min. 81), Stoichkov (Yeremay, min. 72) e Bil (Mulattieri, min. 72)

Real Zaragoza: Andrada, Tasende, Insua, Dani Gómez, Rober (Soberón, min. 81), Francho, Radovanovic, Kodro (Saidu, min. 46), Aguirregabiria, Mawuli (Toni Moya, min. 81) e Hugo Pinilla (Cumic, min. 46)

Árbitro: Saúl Ais, do comité valenciano. Amoestou a Stoichkov (min. 3), Arnau (min. 60), Quagliata (min. 69), Insua (min. 77), Andrada (min. 87), Gomes (min. 88), Rado (min. 90)

Goles: 0-1 Dani Gómez (min. 7); 1-1 Stoichkov (min. 20); 2-1 Mulattieri (min. 86)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 24.123 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Juan Hermida, masaxista do Dépor até 2017; e de Manuel Gudiña, abonado número 115 do Club