RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Resultados da fin de semana en #ANOSACANTEIRA

Hoxe domingo a atención en #ANOSACANTEIRA estivo centrada na visita do Fabril ao Arosa SC, coa primeira praza da Terceira RFEF en xogo.

O choque acabou en igualada (0-0), resultado que mantén aos de Óscar Gilsanz no liderado.

Pola súa banda, o Deportivo ABANCA B tamén igualou (0-0) na súa visita ao CD Oceja, correspondente á 17ª xornada en Primeira Nacional.

Foron baixa de maneira forzosa no filial feminino Paula Monteagudo, citada polo primeiro equipo para o partido en Tajonar; e as lesionadas Noela e Paula Novo. Esta última futbolista, xa internacional coas categorías inferiores da selección española, terá que estar varios meses afastada dos terreos de xogo por unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo.

O pasado martes, o filial feminino disputou un amigable ante a selección galega sub-17. Kevin Cabado contou para este encontro tamén con Abril Pazos e Yaiza García, cadetes do Orzán SD; e Iria Otero, Antía Brage, Ivana Fernández e Noe Gómez, xuvenís do Orzán SD. Pola súa banda, na selección galega sub-17 aliñáronse a canteirás Laura Otero, do Dépor ABANCA B; Uxía López, Martina Rivas e Uxía Rabuñal, todas elas xuvenís do Orzán SD; e Lucía Rivas, Elena Vázquez, Sara Cercido, Laura Santos e Maca González, cadetes do Orzán SD. Aínda que o resultado é o de menos, gañaron as branquiazuis (2-1), con tantos de Celia e Antía Brage.

Tamén hoxe domingo en Abegondo, o Xuvenil A regresou á liga fronte ao CD Marina Sport. Os branquiazuis cederon un empate no desconto (2-2) e o liderado da División de Honra, agora en mans do Sporting de Gijón, próximo rival dos branquiazuis: 45 puntos teñen os asturianos por 44 o RC Celta e o Xuvenil A.

O pasado mércores, os pupilos de Manuel Pablo ofreceron outra memorable tarde de fútbol ao eliminar ao Atlético de Madrid nos oitavos de final da Copa do Rei, eliminatoria a partido único en Abegondo. Os colchoneiros fóronse ao descanso con vantaxe (0-2) pero os branquiazuis déronlle a volta esporeados por #ANOSAFORZA, que abarrotou a Cidade Deportiva, con goles de Mardones, Martín Ochoa e Diego Gómez. O próximo 15 de febreiro, o Villarreal CF será o rival nos cuartos de final, tamén a partido único.

En rolda de prensa o pasado venres, Óscar Cano cualificou de "marabilloso" o partido ante o Atlético de Madrid: "Encantoume o non renderse nunca. Podemos nomear xogadores que a min me gustaron e imos coincidir todos. Aos bos vémolos todos rapidamente. Empezouse ben. Logo houbo un momento até o descanso que houbo un balón por parte do Atlético de Madrid. Puxéronse 0-2 e mesmo puideron ser algún máis. E que maneira de reporse. Esa sensación de empezar a segunda parte e non darse por vencidos. Ver a todos os rapaces enchufados, ver como pelexaron nun ambiente que non era agradable ao ir 0-2. Pero todos sentiamos que iamos remontar. Xerouse esa dinámica que fixo que o partido se decantase cara a nós. Hai 4 ou 5 mozos que se os deixamos crecer como deben crecer teñen un gran futuro por diante".

No resto da xornada dominical quedou o partido en casa do Orzán SD Xuvenil Feminino (1-5 ante o Bergantiños CF); e fóra o do Orzán SD Cadete B Feminino (2-1 ante o Eirís SD) e o do San Tirso SD Cadete (1-0 fronte ao Rápido de Bouzas).

Onte sábado 28, ademais do Alevín A e dos dous equipos benxamíns na Torre, e do Fabril FC Alevín en Betanzos, gañou (2-1) en Abegondo o Infantil ao Pabellón Ourense CF.

Na Coruña competiu o Orzán SD Cadete Feminino ante o Victoria CF (triunfo por 0-2); en Vigo o Xuvenil B ante o CVC Valladares (1-2); en Lugo o Cadete (0-2); e en Pontevedra o San Tirso SD Infantil ante o EF Portero 2000 (3-3).

O vestiario do equipo cadete do Dépor celebra a recente convocatoria de Pablo García Taboada para disputar dous amigables ante Polonia o martes 31 de xaneiro e o xoves 2 de febreiro no Estadio Guillermo Amor de Benidorm.

Finalmente, esta fin de semana non houbo xornada no subgrupo A de a liga Galega infantil feminina, na que participa o Orzán SD Infantil.

Os resultados da fin de semana foron os seguintes:

Terceira RFEF
18ª xornada: AROUSA SC 0 - FABRIL 0

Categoría feminina
Amigable: DEPORTIVO ABANCA B 2 (Celia e Antía Brage) - SELECCIÓN GALEGA SUB-17 1
Primeira Nacional, 17ª xornada: CD OCEJA 0 - DEPORTIVO ABANCA B 0

Primeira Autonómica, 18ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMININO 1 (Macarena González) - BERGANTIÑOS CF 5

Segunda Autonómica, subgrupo 1º, 14ª xornada: EIRÍS SD 2 - ORZÁN SD CADETE B FEMININO 1 (Dunia Dahmouni)

Liga Galega cadete, subgrupo A, 14ª xornada: VICTORIA CF 0 - ORZÁN SD CADETE FEMININO 2 (Sofía Rodríguez -2-)

Categoría xuvenil
Copa do Rei, oitavos de final: XUVENIL A 3 (Mardones, Martín Ochoa e Diego Gómez) - ATLÉTICO DE MADRID 2
División de Honra, 18ª xornada: XUVENIL A 2 (Hugo Baldomar e Álex Delgado) - CD MARINA SPORT 2

Liga Nacional, 18ª xornada: CVC VALLADARES 1 - XUVENIL B 2 (Domínguez e Juan Barros)

Categoría cadete
División de Honra, 20ª xornada: CD LUGO 0 - CADETE 2 (Xian e Lucas)

División de Honra, 20ª xornada: RÁPIDO DE BOUZAS 1 - SAN TIRSO SD CADETE 0

Categoría infantil
División de Honra, 17ª xornada: INFANTIL 2 (Nico e Borja) - PABELLÓN OURENSE CF 1

División de Honra, 17ª xornada: EF PORTERO '2000' 3 - SAN TIRSO SD INFANTIL 3 (Sergio -2- e Nikolay)

Categoría alevín
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 10ª xornada: IMPERÁTOR OAR 0 - ALEVÍN A 4 (Iker Obeso, Thiago Montes, Daniel Alonso e Mario González)

Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 2º, 10ª xornada: BETANZOS CF 1 - FABRIL FC ALEVÍN 7 (David Gómez -2-, Álvaro Gómez, Hugo Pousa, Hugo Macedo, Hugo Luaces e un futbolista rival en propia meta)

Categoría benxamín
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 10ª xornada: BENXAMÍN A 10 (Hugo Quintela -3-, Alejandro Astray -2-, Mateo Carballeira -2-, Javi Meiriño, Miguel Candal e Hugo Bujía) - OZA JUVENIL SD 0

Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 10ª xornada: VICTORIA CF 2 - FABRIL FC BENXAMÍN 0