Reto para o Dépor este domingo 15 de febreiro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) no Estadio SkyFi Castalia ante un CD Castellón "nun gran momento" segundo recalcou Antonio Hidalgo na sala de prensa do Dépor Training Center.
Co triunfo do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié, Os Nosos suman 43 puntos na 3ª posición de LaLiga Hypermotion.
"Vimos nunha dinámica boa con esas 2 vitorias consecutivas; e moi convencidos das nosas armas, de como tentar facerlles dano, de como minimizar o seu arsenal", apuntou o técnico deportivista.
O Dépor, con todo o seu cadro dispoñible, realizou este sábado 14 ás 10:00 a última sesión de adestramento previa ao partido cun quecemento, un exercicio táctico, unha tarefa de finalizacións e un repaso ás accións a balón parado.
O equipo adiantou a súa hora de adestramento para viaxar á primeira hora da tarde nun voo directo desde o Aeroporto da Coruña.
Pola súa banda, o CD Castellón, que a pasada fin de semana goleou por 0-4 ao Real Valladolid, é 2º con 45 puntos.
"Gañouse o dereito de estar aí. Os seus números dino, o seu xogo dio. Cando fas merecementos para iso tes as mesmas posibilidades que os que competimos polo mesmo", reflexiona Antonio Hidalgo. "Non se se antes era un tapado pero agora seguro que non", chancea o preparador deportivista.
Na primeira volta disputada o pasado 7 de decembro en ABANCA-RIAZOR venceron por 1-3 os castellonencos.
No Estadio SkyFi Castalia o CD Castellón esta temporada gañou ao Sporting de Gijón (3-1), Málaga CF (2-1), Real Sociedad B (5-4), UD Las Palmas (1-0), CD Mirandés (3-1), SD Huesca (4-1), CD Leganés (2-0) e FC Andorra (2-0); empatou co Real Zaragoza (1-1) e AD Ceuta FC (3-3); e caeu co Real Valladolid (0-1) e Albacete Balompié (0-1).
Pablo Hernández, técnico do conxunto levantino, espera "un partido bonito, dos que nos gustaría estar no verde. Son 3 puntos, é un rival nestes momentos directo, loitando connosco nas posicións altas da clasificación".
Cualificou ao Dépor como "un grandísimo rival. Temos a sorte de xogalo no noso campo, coa nosa afección. Espero un partido onde podamos gozar, con dous moi bos equipos".
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite na cidade levantina e regresan este luns 16 de febreiro á Coruña.
