RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rivais de altura e masiva presenza de canteirás marcaron a pretemporada do Dépor ABANCA

O Deportivo ABANCA puxo fin á pretemporada cun último amigable o pasado sábado en Portugal. Por diante queda a competición ligueira en Reto Iberdrola (a segunda categoría nacional), coa súa primeira xornada o domingo 5 de setembro ás 12:00 en Abegondo fronte ao FC Barcelona B (pendente de confirmación oficial).

Atrás quedan cinco partidos amigables marcados polo potencial dos adversarios e a masiva presenza de canteirás en adestramentos e nos mesmos encontros de preparación.

Tan só un dos rivais aos que se mediu o conxunto de Miguel Llorente, o Viajes InterRías FF, era de inferior categoría, posto que o conxunto de Sanxenxo é un dos punteiros pero do grupo 1º de Primeira Nacional.

Os demais exames de pretemporada foron ante equipos da mesma categoría, o Oviedo Moderno CF; ou de superior, caso da Real Sociedad (Primera Iberdrola) ou o Valadares Gaia FC e o Sporting Braga Feminino (Liga BPI de Portugal).

O balance nestes cinco partidos foi dunha vitoria, un empate e tres derrotas; con 2 goles a favor, os 2 de Jone Ibáñez 'Ibi'; e 9 en contra.

A pesar dos números, o equipo deportivista, aínda en construción pola alta cantidade de novas incorporacións, si deixou boas sensacións en varias fases de todos os partidos. Na memoria de #ANOSAFORZA está por exemplo o bo xogo despregado ante o Valadares Gaia FC en ABANCA-RIAZOR, con motivo do Trofeo Teresa Herrera.

No entanto, o dato máis sobresaliente do verán é que un total de 9 canteirás tiveron minutos de xogo repartidos en todos os amigables: Reigosa, Paula Novo, Tati, Aroa Guerra, María Figueroa, Paula Monteagudo, Nuria, Marta Rico e Noela.

A pretemporada do Deportivo ABANCA transcorreu así:

Deportivo ABANCA 0 - Valadares Gaia FC 0. A penaltis: 4-5 (IX edición do Trofeo Teresa Herrera)
Viajes InterRías FF 0 - Deportivo ABANCA 1 (Jone Ibáñez 'Ibi') (Trofeo Concello de Sanxenxo)
Real Sociedad 4 - Deportivo ABANCA 0
Deportivo ABANCA 0 - Oviedo Moderno CF 1
Sporting Braga Feminino 4 - Deportivo ABANCA 1 (Jone Ibáñez 'Ibi')