RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Rubén de la Barrera: "A temporada non se pode acabar o domingo baixo ningún concepto"

Rubén de la Barrera manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a eliminatoria de semifinais ante o CD Castellón, que celebra este domingo 11 de xuño en Castalia (18:00 horas, TVG-2 e InSports.tv) o seu choque de volta, está "aberta, competida pero eliminatoria na que a temos que afrontar moi ben. Non é pensar nas consecuencias desa clasificación, senón en todo aquilo que temos que facer para superala. Niso estamos centrados e a por iso imos porque queremos pasar si ou si. A temporada non se pode acabar o domingo baixo ningún concepto".

Explica iso si que o contexto da eliminatoria "variou. Antes de empezar o partido de ida, o CD Castellón estaba lixeiramente por diante e agora estamos nós; e con esa ilusión imos a Castalia, sabendo que a condición de visitante a nós tennos que espolear, tennos que obrigar a ofrecer o mellor dos rendementos, a levar o partido cara ao noso interese".

Advirte que "van ocorrer cousas as cales nos van a obrigar e vannos a esixir. Aí o manterse estables, firmes a nivel emocional e a nivel táctico vai ser determinante. Pero confianza máxima no que se fai, no que se propón, na resposta dos futbolistas".

O adestrador coruñés ten "a sensación sobre todo de que a pesar de que existiría unha segunda eliminatoria, en caso de superar esta primeira a lombeirada e o empuxón anímico que suporía o feito de clasificarnos en Castellón sería moi pero que moi importante".

Ante un rival que poida optar por saír en tromba, Rubén de la Barrera pide "ser protagonistas e dominar o partido. Imos tentar facelo a través do balón, de ser agresivos, de atacarlles, de comprometerlles. E cando non dispoñamos del, evitar que nos afundan, que xoguen preto da nosa propia portería e desde aí poidan conseguir situacións de ruído; porque nestes ambientes normalmente ás veces desde fóra temos a sensación de que están a ocorrer moitas máis cousas das que realmente pasan. E nalgún momento un pase entre centrais do rival parécenos que é un pase case definitivo. Esa serie de sensacións e de ruído témolas que canalizar e xestionar ben porque realmente non está a pasar nada".

Cre que o rival, o CD Castellón, vai manter a súa esencia aínda que con algún matiz e así mesmo advirte que "estes son os partidos para os equipos e para os xogadores de verdade. E eu como adestrador estar o máis acertado posible, equivocarme o menos posible, tomar as mellores decisións para o equipo, pero mostrarse estables, que a pelota non nos queime, personalidade".