
Salva Sevilla pide ao 2024 facernos moi fortes en ABANCA-RIAZOR con #ANOSAFORZA, factor crave para conseguir os obxectivos
Salva Sevilla, protagonista esta mañá na primeira rolda de prensa do Dépor en 2024, advertiu que "para conseguir obxectivos importantes tes que facerte moi forte en ABANCA-RIAZOR, sumar de 3 case sempre e até agora non o fixemos. É o que nos levou a estar nesta situación e debemos de cambialo canto antes, facernos moi fortes en ABANCA-RIAZOR con #ANOSAFORZA, no noso campo, que ten as características que nós queremos para xogar. Aí é onde está a diferenza".
Confesa que "tivemos moito empate, cometemos moitos erros e o equipo non están a saber xogar, non estamos a dar con esa tecla para pornos por diante, para abrir o marcador e que os rivais se teñan que abrir aquí e estanos custando; pero hai que seguir insistindo e cambialo canto antes porque sería clave para conseguir os obxectivos".
O centrocampista andaluz, cun mes de xaneiro ante equipos da zona alta da clasificación do grupo 1º de Primera Federación, advirte que "é a forma máis rápida de recortar puntos. Sumar ti de 3 e que eles non o fagan nesa xornada fai recortarlles. Nunha liga de 3 puntos, encadear varias vitorias seguidas é clave para achegarte onde queres. Niso estamos. Temos a primeira o xoves (ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR ante a Real Sociedad B, TVG-2 e FEF TV) e imos afrontalo con ilusión para conseguir os 3 puntos".
Entre os propósitos para este ano 2024 tamén pide "ter un pouco máis de regularidade; ser capaces de enlazar vitorias seguidas, que iso durante o ano non o fixemos e non nos permitiu estar arriba".
Tamén lembra que "hai que darlle unha volta" a "eses pequenos erros individuais que cometemos en área rival e en nosa propia área, que non nos fixeron sumar de 3".
Por conseguinte, recalca que "tivemos moito empate. O equipo perdeu moi poucos partidos. Iso é clave, pero quedamos curtos con moito empate que tivemos sobre todo en ABANCA-RIAZOR".
Así pois, insiste unha e outra vez que é necesario "mellorar en ABANCA-RIAZOR. Os obxectivos conséguense sendo fortes en casa. O equipo fóra está a demostrar que compite moi ben e en casa fáltanos ese pasiño para gañar partidos e facernos fortes no noso campo".
Co mercado de fichaxes de inverno aberto, Salva Sevilla apunta que os futbolistas "debemos estar á marxe de todo. Saber que isto funciona así, que os equipos se reforzan, móvense, buscan mellorar e niso estamos. Nós témonos que dedicar a adestrar, a traballar e afrontar os partidos para gañalos. Hai xente no Club capacitada para isto e se vén algún xogador pois benvido, recibirémolo cos brazos abertos e oxalá nos axude moito".
A nivel individual, admite que "non empecei da mellor maneira. Vin sen facer pretemporada. Aos poucos me hei ir atopando mellor, facendo as cousas que dixo o adestrador. Eu son moi esixente comigo mesmo, nunca estou contento co meu rendemento, creo que me falta algún gol, algunha asistencia máis. Niso estamos, en atopar ese punto, pero o máis importante somos os xogadores, estamos todos para axudar, para sumar e que o Club consiga o obxectivo, que é o realmente importante".
Desexa neste novo ano "un Salva Sevilla con algunha asistencia, con algún gol que sempre é o que fixen".
Define á Real Sociedad B como "un rival moi difícil. Perdeu moi poucos partidos. Son rapaces novos con moita calidade, con moitas ganas de facerse un nome no mundo do fútbol e que está a facer as cousas moi ben. Será un partido complicado, pero temos que centrarnos no noso, nas nosas fortalezas, en facer un bo partido en ABANCA-RIAZOR, en conseguir 3 puntos, en sentirnos fortes e que nos vaiamos con boa sensación a casa".