RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Samara continuará unha temporada máis no Dépor ABANCA

Samara Ortiz Cruz (Madrid, 16 de xullo de 1997) formará parte do Deportivo ABANCA por segunda temporada, ao ampliar o seu compromiso até xuño de 2024

Samara, que xoga como lateral por calquera dos dous costados, participou en 26 dos 36 partidos do Deportivo ABANCA na temporada recentemente finalizada, sendo titular en 23 deles. A futbolista madrileña disputou 21 partidos de Primera Federación Iberdrola, 1 de Copa da Raíña e 4 do playoff de ascenso a Liga F, actuando principalmente como lateral esquerda.

A xogadora chegou ao Deportivo ABANCA o pasado verán procedente do Brøndby IF danés. Na súa primeira campaña en Dinamarca disputou 10 partidos de Liga, na que o Brøndby IF concluíu na terceira praza, e foi titular nos 2 encontros do seu equipo na rolda previa da Champions League, ante o Kristianstads DFF sueco e o 1. FC Slovácko Ženy checo.

A carrileira madrileña formouse no Rayo Vallecano, onde comezou a xogar con só 7 anos. Posteriormente fichou polo CD Canillas (2013-2016), antes de dar o salto ao CD Tacón. No conxunto que deu orixe ao Real Madrid CF feminino militou entre 2016 e 2020, logrando o ascenso á máxima categoría en 2019. Samara tamén formou parte do primeiro cadro da historia madridista, no curso 2020-2021. Nas súas dúas campañas na división de honra participou en 19 partidos (14 como titular) nos que marcou 1 gol.

De pai español e nai cubana, Samara foi internacional sub-19 por Acerbaixán, xa que obtivo a dobre nacionalidade trala chegada da madrileña Patricia González á federación azerí en 2014 para poñer en marcha o desenvolvemento do fútbol feminino.

Samara súmase ao cadro deportivista 2023-24 tralas renovacións de Lucía Alba, Henar Muiña e Cris Martínez durante o curso 2022-23, as recentes ampliacións de Millene, Raquel García e Charle, as xogadoras con contrato en vigor: Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Carlota Suárez, e as fichaxes de Clara Rodríguez (FC Barcelona B) e Laurina (Real Betis Féminas).