RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Sesión pospartido baixo a choiva de Os Nosos, "xa coa cabeza limpa", con soño cumprido para o canteirán Dani Estévez incluído

O Dépor regresou este luns 26 de xaneiro ao Dépor Training Center para completar a rutineira sesión pospartido.

A pesar da derrota ante o Real Racing Club, Álvaro Ferllo subliñou onte domingo na zona mixta de ABANCA-RIAZOR que "nos levantaremos coa cabeza limpa porque o sábado 31 de xaneiro temos que ir a León (18:30, LaLiga TV, TVG, GOL, TEN e Cayo TV)", en referencia ao encontro ante a Cultural Leonesa na seguinte xornada en LaLiga Hypermotion.

Neste sentido, o gardameta deportivista prefire pasar páxina canto antes e lembra que "a liga segue".

Baixo unha persistente choiva, todo o cadro realizou unha activación no campo 3 do Dépor Training Center supervisada polos preparadores físicos Roberto Cabellud e Sergio Roca.

Acto seguido, os titulares onte á noite en ABANCA-RIAZOR pasaron a tarefas de recuperación no ximnasio e na sala de fisioterapia.

Para os demais futbolistas houbo un xogo de posición, finalizacións e fútbol reducido.

Bil e Noé foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

A eles sumouse esta mañá por primeira vez Daniel Estévez Gómez (A Coruña, 18 de febreiro de 2006), coñecido futbolísticamente como Dani Estévez.

Este centrocampista do Fabril chegou a #ANOSACANTEIRA na temporada 2014-15 ao Fabril FC Benxamín.

Ás ordes de Manuel Pablo en Segunda Federación esta temporada participou en 16 partidos, 9 deles como titular, e anotou 1 gol.

Este martes 27 hai xornada de descanso. Os Nosos regresan ao Dépor Training Center o mércores 28 de xaneiro ás 11.30.