RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Sesión vespertina coa estratexia como protagonista

O Deportivo realizou hoxe venres os últimos retoques ante a inminente chegada dos amigables de pretemporada, ademais do adestramento de mañá sábado ás 10:30 co Fabril (campo 3 de Abegondo, porta pechada).

Fernando Soriano afirmou en rolda de prensa que "agora imos empezar a ver aos xogadores. Vémolos en xogos reducidos, posesións... tarefas moi específicas e non es capaz de identificar moitas veces o nivel. Agora empezan os partidos amigables que parece que non son importantes pero dannos unha información bastante real do que o xogador pode achegarnos".

No adestramento vespertino, Imanol Idiakez prestou especial atención ás accións de estratexia no campo 3, fundamentalmente con saques de esquina e faltas laterais.

Mañá de maior intensidade

Pola mañá, o adestrador branquiazul, após unha activación, dispuxo unha tarefa de movementos con balón e un exercicio de finalizacións. Unha serie de partidos en espazo reducido, de alta intensidade, puxeron o punto e final ao adestramento.

Brais Val, Jairo e Álvaro Santamaría adestráronse co Dépor, ademais dos canteiráns que están en dinámica do primeiro equipo como Diego Gómez e o xuvenil David Mella.

Martín Ochoa, por precaución a consecuencia dunha sobrecarga nos isquiotibiais, estivo hoxe con adestramento específico no ximnasio supervisado polo readaptador Alejandro Canosa. 

Dos canteiráns e de Mario Nájera, que se adestra habitualmente co Fabril, referiuse o Director Deportivo esta mesma mañá en rolda de prensa: "Están a ensinarnos cousas que nos están sorprendendo". De feito, subliña que "os temos moi en conta. Estamos a ver que poden formar parte tranquilamente de calquera aliñación, convocatoria... Nese sentido sabemos que van estar aí. Que xoguen máis ou que xoguen menos? Será o míster o que decida pero o nivel que están a mostrar até agora é importante. Agora teñen que dar ese último paso. Son eles os que teñen que dicir 'aquí estou eu' en personalidade, profesionalidade. Confío que os vexamos moitísimo durante moitísimos minutos no campo".