RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sufrida clasificación para as eliminatorias da Youth League (3-0)

O resultado do partido de ida (5-1) e a primeira parte realizada polo equipo de Manuel Pablo en Haifa, facían presaxiar unha clasificación cómoda e tranquila para os branquiazuis, hoxe uniformados de negro, na volta da segunda rolda da Ruta dos Campións da UEFA Youth League. O primeiro tempo foi un monólogo de posesión branquiazul, moi controlado no centro do campo e con escasas chegadas á área, a maioría con tiros desviados ou mediante saques de esquina. Mario Domínguez e Rubén López tiveron a súa oportunidade de gol mentres que Brais Suárez non tivo que intervir até o minuto 35. Cun paradón do gardameta galego chegouse ao descanso, xogada que serviu como presaxio do que sería a segunda parte.

Aínda así, nada máis renovarse o encontro Nájera tivo unha oportunidade clara que enviou por encima do traveseiro. A partir de aí, o Maccabi foise arriba en todas as facetas do xogo até conseguir materializar, nun centro desde o costado, o primeiro gol cun remate ao alimón que Yonatan Kay Laish meteu para dentro de cabeza. O primeiro gol, e como chegou o segundo, após rexeites, xogada embarullada, intervención de Brais e balón cuspido polo poste, minaron a moral dos Deportivistas, que o tentaban timidamente á contra, pero seguían sufrindo atrás.

A nove minutos do final marcaron os locais nun balón entre os defensas que Barcia tapou até liña de fondo pero que servido atrás deixou só a Razon para pór o 3-0. A eliminatoria quedaba a un gol dos penaltis, pero por fortuna a amplitude do resultado en ABANCA-RIAZOR permitiu a clasificación e que agora os pupilos de Manuel Pablo poidan pensar só no sorteo dos play-off da UEFA Youth League que se realizará o martes 14 de decembro en Nyon, con streaming en directo desde as 14:00 h. Club Brugge (BEL), Borussia Dortmund (ALE), Internazionale (ITA), Dynamo Kyiv (UCR) ou Chelsea FC (ING), segundos clasificados dos seus respectivos grupos, son os posibles rivais do Dépor, que non pode enfrontarse, nesa eliminatoria a partido único en ABANCA-RIAZOR o 8 ou 9 de febreiro a Villarreal, Sevilla ou Atlético, que se cruzarán, con outros rivais chegados, como o Deportivo, da Ruta dos Campións da UEFA Youth League.

Maccabi Haifa: Selkind, Feingold, Leigh (Khalaili, min. 46), Key Laish, Eissat, Guri (Marelly, min. 76), Hermesh (Sheto, min. 76), Colley (Elmichly, min. 46), Otachi, Razon e Shedo (Zaga, min. 87).

RC Deportivo: Brais Suárez, Nacho Díaz, Barcia, Juan Rodríguez, Manu Rivas (Teijo, min. 63), Mario (Hugo Baldomar, min. 89), Nájera (Hugo Padín, min. 89), Rubén López, Trigo (Jairo, min. 63), Mella e Víctor Guerra (Diego Gómez, min. 69).

Goles: 1-0 Kay Laish (min.49); 2-0 (Elmichly, min. 60) ; 3-0 Razon (min. 81)

Árbitro: Loukas Sotiriou (Chipre). Amoestou a Eissat (min. 7), Mario (min. 40) e Feingold (min. 52)

Incidencias: partido de volta da segunda eliminatoria da Ruta dos Campións da UEFA Youth League disputado no Sammy Ofer Stadium de Haifa ante 500 espectadores.