RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Terceiro partido esta temporada entre a Real Sociedad e un Dépor ABANCA "con boas sensacións do partido de Copa"

O Dépor ABANCA mídese mañá sábado 8 de febreiro por terceira vez esta temporada á Real Sociedad, esta vez ás 17:00 (Dazn) en Zubieta con motivo da 18ª xornada na Liga F.

Os dous choques anteriores, en ABANCA-RIAZOR (en liga o pasado 10 de novembro) e en Abegondo (en Copa o 22 de decembro), foron para as donostiarras por idéntico marcador (0-1).

Fran Alonso lembra que "é o mesmo equipo. De feito cando viñeron aquí (en Copa) saíron con todo. Non rotaron. Sacaron un equipo do mellor que tiñan".

Destaca que "é un equipo moi forte, moi completo, con moitísimos recursos, moi ben traballado".

O técnico deportivista asegura que "preparamos ben o partido e imos con moitísima ilusión de sacar algo positivo nun campo moi difícil".

O resultado da última xornada, co empate (1-1) en ABANCA-RIAZOR ante o Valencia Féminas CF, deixou ás Nosas en 13ª posición con 16 puntos.

Pola súa banda, a Real Sociedad, que a pasada fin de semana impúxose (0-2) ao Madrid CFF, marcha en 3ª posición da Liga F con 32 puntos.

Fran Alonso subliña que "está en zona Champions. Agora mesmo van terceiros. Así que sabemos que é un partido moi difícil pero temos boas sensacións do partido de Copa. Márcannos gol cando temos a unha xogadora fóra. Atácannos por aí, márcannos gol. Logo xerámoslles moitas ocasións de gol. Non logramos materializalas, perdemos 0-1 pero fómonos con boas sensacións. A pesar da calidade do rival, puxémoslles en aprietos".

En Zubieta esta temporada a Real Sociedad gañou ao Levante Las Planas FC (2-1), ao Real Betis Balompié (4-0), Athletic Club (1-0), UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (2-0) e RCD Espanyol (4-1); empatou co Madrid CFF (2-2); e perdeu co Real Madrid CF (1-4) e FC Barcelona (0-6).

As Nosas adestráronse esta mañá en Abegondo e viaxan en autocar a San Sebastián, con esta folla de ruta:

Venres 7 de febreiro
13:40: Saída da Cidade Deportiva
21:30 (horario aproximado): Chegada ao hotel NH Aránzazu (San Sebastián)

Sábado 8 de febreiro
17:00: Real Sociedad - Deportivo ABANCA, en Zubieta
Ao concluír, traslado en autocar á Coruña

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA adestrarase de novo o domingo 9 de febreiro ás 13:20 na Cidade Deportiva.