RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Terceiro test de pretemporada do Dépor ABANCA, este mércores 6 ante o Sporting CP de Portugal a porta pechada en Lordelo

Continúan os rivais de entidade na pretemporada do Dépor ABANCA após o SC Braga e o Athletic Club.

Así, un dos grandes equipos da liga portuguesa, o Sporting CP de Lisboa, vixente subcampión da máxima categoría, únese á lista de contendentes das Nosas.

O encontro, a porta pechada, xogarase este mércores 6 de agosto ás 12:30 (hora galega, 11:30 hora local) no Estadio Cidade de Lordelo en Lordelo (Portugal).

As branquiazuis chegan ao choque após competir de ti a ti co Athletic Club, a pesar de que o resultado final non acompañou: 3-2.

Son baixa para o encontro as internacionais na pasada Copa América Michi Apóstol e Espe Pizarro, que se reincorporarán nos próximos días; ademais de Millene e Olalla, esta tamén con molestias no recto anterior da súa perna dereita.

Pola súa banda, o Sporting CP arrincou a pretemporada o pasado 11 de xullo. As lisboetas anunciaron outros dous amigables ante o Athletic Club e o Racing Power FC portugués.

O cadro verdibranco reforzouse coa porteira polaca Julia Wozniak; a defensa portuguesa Tânia Rodrigues; a centrocampista internacional arxentina Flor Bonsegundo e a portuguesa Samara Liño; e a dianteira española procedente do Real Betis Carla Armengol.

Ademais, o Sporting asegurouse a continuidade dun dos seus estandartes, a internacional portuguesa Ana Capeta; e de Beatriz Fonseca.

Finalizado o partido, As Nosas teñen o xoves 7 de agosto xornada de descanso e regresarán aos adestramentos o venres 8 ás 10:30 acompañadas do fiel Oito.