RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Traballo táctico para un Dépor case ao completo polo que "o míster está a telo complicado en moitas posicións"

O Dépor realizou esta mañá no campo 3 de Abegondo un adestramento de alta carga táctica de cara ao encontro deste domingo 2 de marzo ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Carlos Tartiere ante o Real Oviedo.

Óscar Gilsanz puido contar con todo o cadro salvo Escudero; ademais de Alberto e Kevin Sánchez como representantes de ANOSACANTEIRA.

Onte ante os medios de comunicación, Pablo Vázquez apunta que "o míster o está tendo complicado en moitas posicións, pero isto é o bonito".

Após unha activación cun exercicio físico, o corpo técnico dispuxo unha tarefa con dous grupos, cada un nunha metade de campo, de ataque e defensa.

Un partido a tres cuartas partes de campo cun exercicio de finalizacións no campo 2 para os atacantes puxeron o punto e final ao adestramento.

Pablo Vázquez admitía por exemplo referíndose aos encontros en ABANCA-RIAZOR que "temos que mellorar moito".

O defensor branquiazul apunta a "ese último terzo, sacar se cadra o balón, levalo mellores condicións porque creo que en ABANCA-RIAZOR podemos despregar un mellor fútbol".

Así mesmo, pide que "as sensacións que tivemos coa UD Almería ir reproduciendolas e mellorándoas"; e desvelou que despois da derrota en Elda, "o míster transmitiunos que era un bo punto para saber que non somos tan bos, que cada partido se compite dunha maneira e esa maneira non soubemos facela ben en Elda. Ese segundo fútbol, esoutro fútbol que eles tan ben manexan nós non soubemos; e démonos conta que hai partidos que che saen brillantes e outros que hai que gañalos doutra maneira".

Mañá venres, Os Nosos regresan de novo a Abegondo para unha sesión que arrincará no céspede a partir das 11:00 horas.