RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Triunfo no desconto do Fabril ante a SD Sarriana con aviso de Manuel Pablo pospartido: "se non estás concentrado pódeche gañar calquera"

O Fabril impúxose por 2-1 á SD Sarriana do ex deportivista Dani Giménez este sábado 7 de febreiro no campo Arsenio Iglesias, en partido correspondente á 22ª xornada en Segunda Federación.

Con este resultado, o filial suma 45 puntos instalado no liderado da categoría por 43 do Oviedo Vetusta.

O porteiro lucense Fernando foi o protagonista destacado nos primeiros minutos ao atrapar un tiro de socato de Pablo Cortés no minuto 5 e despexar con apuros outro de Manu Ferreiro, desde a frontal.

Respondeu a SD Sarriana no minuto 11 por mediación de Millán, pero o seu chute márchase lixeiramente desviado. 

As ocasións seguían. Mane, desde dentro da área, remata duro e de novo Fernando despexa.

Adiantáronse os fabrilistas ao cuarto de hora.

Domínguez róuballe un balón a Maxi e xuta ante Fernando; o rexeite cae a Manu Ferreiro que bate por baixo a portería da SD Sarriana.

"Empezamos moi ben o partido, levamos ben o balón dun lado para outro. Non había moitos espazos pero tivemos moitos golpeos desde fóra. O porteiro tivo que intervir en bastantes situacións", apuntou o adestrador fabrilista.

Non veu abaixo a SD Sarriana. Aos 23 minutos, un pase longo a Millán ás costas da defensa do Fabril déixao só ante Hugo Ríos. O capitán deportivista gana o man a man ao atacante lucense e evita o gol despexando a pelota co seu corpo.

O preparador fabrilista apunta que "nos despistamos un pouco e quixemos ir demasiado rápido a conseguir o segundo. E tivemos perdas, desatencións en defensa e eles foron crecendo".

Xa na recta final do primeiro tempo, Mane márchase do seu par en banda esquerda, cede ao centro a Nájera que, con todo a favor, dispara desviado.

Ao bordo do descanso, Hugo Ríos despexa a saque de esquina un gran disparo de Millán desde fóra da área.

No córner, moi pasado, Maxi no segundo pau mete o balón ao primeiro e Arona cabecea á rede. 

Manuel Pablo lamentouse de "unha desatención tanto na perda como no córner".

Con empate a un gol chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, "tocounos traballar, arriscando máis aínda, en moitas situacións de man a man atrás", comentou o preparador fabrilista.

Primeiro Nájera e pouco despois Mane no minuto 56 cun forte tiro raso estiveron a piques de marcar.

Manuel Pablo comeza a mover o banco. Fabi e Enrique Fernández relevan a Pablo Cortés e Dani Estévez.

"Eles estaban nun bloque moi baixo pero insistimos. Tivemos as nosas oportunidades sempre sabendo do risco que corriamos nas transicións, que as tiveron", admitiu Manuel Pablo.

Millán foi de novo protagonista. Recibe en banda esquerda, márchase cara a dentro pero o seu remate non colle portería.

No minuto 72, o ex deportivista Boedo xuta só ante Hugo Ríos, que desvía nunha gran parada.

Dipanda entra por Domínguez nas filas fabrilistas e sitúase en punta.

O partido decidiuse nunha acción individual de Pablo García, que sustituiu a Quique Teijo no minuto 79. O lateral coruñés chega a liña de fondo, mete un pase atrás raso e Fabi, chegando de segunda liña, xuta á rede facendo o segundo e definitivo gol.

Con 6 minutos por diante o Fabril soubo pechar o partido e mesmo Mane puido lograr o 3º, que evitou de novo o porteiro Fernando con outra gran intervención.

Manuel Pablo, contento polos 3 puntos, afirmou no entanto ante os medios de comunicación que "se non estás concentrado no que pase pódeche gañar calquera".

O vindeiro domingo 15 de febreiro ás 17:00, a Fabril visita ao Marino de Luanco no campo de Miramar.

Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo (Pablo García, min. 79), Aarón, Samu, Mane, Dani Estévez (Enrique Fernández, min. 62), Manu Ferreiro (Íker Vidal, min. 79), Nájera, Noé, Pablo Cortés (Fabi, min. 62) e Domínguez (Dipanda, min. 70)

SD Sarriá: Fernando, Freire (Íker, min. 91), Tomás, Maxi, Parga, Ju (Santi, min. 91), Jacobo (Keko, min. 70), Piay, Arona (David Vilán, min. 63), Millán e Clavería (Boedo, min. 70)

Árbitro: Álvaro Sahelices Puga, do comité asturiano. Amoestou a Mane (min. 22), Noé (min. 25), Ju (min. 35), Iago Parga (min. 67) e Fabi (min. 91);  ademais de a Dani Giménez (min. 87), técnico da SD Sarriana

Goles: 1-0 Manu Ferreiro (min. 15); 1-1 Arona (min. 45+1); 2-1 Fabi (min. 90+1)

Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias ante unha persistente choiva nunha tarde moi fría