O Dépor concluíu este sábado 17 de xaneiro con triunfo por 1-2 no UD Almería Stadium unha extenuante semana que comezou hai 7 días en Las Palmas, e co partido de Copa del Rey en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético de Madrid entremedias.
Antonio Hidalgo destacou na sala de prensa do estadio andaluz "o sacrificio, o esforzo, a intensidade" dos seus.
Con este resultado, Os Nosos suman 37 puntos na 4ª posición, a 1 punto da cabeza da clasificación á espera do Real Racing - UD Las Palmas deste domingo.
Neste arranque da segunda volta da competición, foi o segundo partido consecutivo do Deportivo lonxe da Coruña e o segundo ante un aspirante ao ascenso, a UD Almería.
A última vez que o Dépor sacou os 3 puntos de Almería foi o 30 de novembro de 2008. Naquela ocasión venceron Os Nosos por 0-1 con gol de Verdú.
Respecto ao último partido de liga disputado hai 7 días no Estadio Gran Canaria, Antonio Hidalgo introduciu até 3 cambios, un por liña: Loureiro por Lucas Noubi en defensa, Jose Ángel por Villares no centro do campo, e Eddahchouri por Mella na faceta ofensiva.
Bil e Noé, este con minutos na segunda metade, foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, a UD Almería xa contou na súa convocatoria coas súas dúas novas incorporacións: Miguel de la Fuente e Morci. Ambos arrincaron o choque no banco e saltaron ao céspede na segunda metade.
Na primeira volta, disputada en ABANCA-RIAZOR o 5 de outubro de 2025, houbo empate a un gol. Adiantou Bonini aos andaluces aos 23 minutos e empatou Yeremay no minuto 63.
O Dépor fíxose co balón nos instantes iniciais.
Así, o primeiro disparo foi para Eddahchouri aos 5 minutos após aproveitar un erro na saída de balón andaluza. O seu disparo márchase desviado nunha posición escorada.
No primeiro chute da UD Almería os branquivermellos puxéronse por diante. Baptistao recibe ás costas da defensa, burla a Alti e cruza o balón ante Álvaro Ferllo.
Excesivo castigo tal e como se estaba desenvolvendo o partido.
O preparador deportivista asegura que "o equipo viña dunha dinámica complicada e cando se che pon por diante practicamente no primeiro tiro tivemos pouso".
Stoichkov, aos 19 minutos, non controlou ben un balón na frontal que lle deixaría só ante o porteiro Andrés Fernández. O seu remate á media volta marchouse desviado.
No outro área, Embarba, aos 23 minutos, xutou ás mans de Ferllo.
As ocasións sucedíanse nas dúas áreas.
Á contra, Eddahchouri falla un man a man só ante Andrés Fernández, con todo a favor. Corría o minuto 22.
De novo o holandés probou fortuna aos 24 minutos pero o seu remate, após tocar nun defensor, sacouno Andrés Fernández.
Pasada a media hora, André Horta, completamente só dentro da área, rematou alto un centro raso desde a banda dereita.
De Jose Ángel foi a seguinte do Dépor, aos 34 minutos desde fóra da área. Sacou o porteiro andaluz con certos apuros.
Dominaba por momentos o balón os branquiazuis ante un rival que non dubidaba en defender en bloque baixo.
André Horta xutou aos 39 minutos raso e lixeiramente desviado do pau dereito da meta de Ferllo.
Aos 42 minutos, Yeremay tenta colocar un balón na área que lle marcha alto. O canario recibiu de Eddahchouri.
A primeira metade concluíu cun chute raso de Baptistao fóra nun erro da saída de balón branquiazul.
"Era moi importante seguir no partido", admitiu ante os medios o adestrador deportivista.
Após o paso polos vestiarios, Yeremay empatou aos 48 minutos. Recibiu en mediocampo, marchouse por velocidade da defensa andaluza e definiu á perfección ante Andrés Fernández.
O partido volvía á casa de saída e facía xustiza aos merecementos do Dépor.
O colexiado do encontro, o asturiano Miguel González, anulou inxustamente un gol a Loureiro após un saque de esquina ao apreciar unha falta inexistente en ataque de Arnau na súa pelexa cos centrais locais. O central deportivista levou o cartón amarelo.
O técnico branquiazul opina que "se saca amarela é por un golpe intencionado arriba. E iso non o hai. Grazas a Deus non necesitamos ese gol para gañar o partido".
Pouco despois, Yeremay disparaba desde moi lonxe ás mans de Andrés Fernández.
O canteirán non logrou marcar o segundo ao non darlle forza ao balón a un pase claro de Eddahchouri nunha contra deportivista. O esférico acabou nas mans de Andrés Fernández.
Hidalgo vai a por o partido e dá entrada a Mella e Mulattieri por Stoichkov e Eddahchouri.
Luismi Cruz pasou ao centro e deixou ao canteirán a banda dereita.
O Dépor era o dono e señor do partido.
Mella, no minuto 74, xuta moi alto.
Os Nosos puxéronse por diante con todo merecemento no minuto 79. Yeremay conduce unha veloz contra e Mulattieri, após recibir do canario e controlar á perfección na área, empalma á rede.
O preparador branquiazul advirte sobre o dianteiro italiano que "nos minutos que saíu ímolos a catalogar polo gol que mete pero o traballo sen balón foi incrible. Roubou 2 ou 3 balóns vindo abaixo con dobres e triplos esforzos".
A punto estivo de facer Yeremay o terceiro pero o seu chute márchase fóra por pouco após tocar nun defensor.
Nos minutos finais apertou o UD Almería con máis corazón que cabeza pero sen inquietar apenas a Álvaro Ferllo.
"Este é o camiño. Estou moi contento co partido que fixo o equipo con e sen balón. Concedemos bastante pouco ante un equipo que che pon as cousas moi difíciles", concluíu Antonio Hidalgo.
UD Almería: Andrés Fernández, Álex Muñoz, Nelson Monte, André Horta (Arnau, min. 55), Arribas, Leo Baptistao (Miguel, min. 69), Baba (Morci, min. 83), Centelles (Thalys, min. 83), Chirino, Embarba (Melamed, min. 69) e Dzodic
Deportivo: Ferllo, Alti, Comas, Loureiro, Quagliata, Jose Ángel (Villares, min. 82), Luismi Cruz (Patiño, min. 82), Mario Soriano (Noé, min. 89), Yeremay, Stoichkov (Mulattieri, min. 70) e Eddahchouri (Mella, min. 70)
Árbitro: Miguel González, do comité asturiano. Amoestou a Chirino (min. 2), Baba (min. 35), Yeremay (min. 49), Arnau (min. 47), Nelson Monte (min. 75), Mulattieri (min. 86) e Arribas (min. 90)
Goles: 1-0 Baptistao (min. 13); 1-1 Yeremay (min. 48); 1-2 Mulattieri (min. 79)
Incidencias: partido disputado no UD Almería Stadium ante 13.002 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo abonado do club andaluz Juan Pedro Sánchez e polo ex futbolista Maxi.
