RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA busca en Palamós ante o FC Badalona Women aprobar a súa "materia pendente" e lograr "esa primeira vitoria fóra de ABANCA-RIAZOR"

O Dépor ABANCA inicia a segunda volta da Liga F este domingo 18 de xaneiro ás 12:00 (Dazn) no Estadi Municipal de Palamós - Costa Daurada ante o FC Badalona Women.

Fran Alonso asegura que o seu equipo está "con moitísima ilusión. A nosa materia pendente é fóra de ABANCA-RIAZOR. Os números e as sensacións en casa son boas pero fóra non estivemos á altura".

O técnico deportivista reitera que "é un ano novo. O equipo está a crecer, cada vez sentímonos máis cómodas, mellor, máis valentes, tomamos máis riscos, e gústanos como estamos a adestrar e como estamos a xogar".

Así pois, ve o encontro ante as catalás como "unha oportunidade de ouro para demostrar ese pasito adiante" e, ante un equipo "moi sólido", "lograr esa primeira vitoria fóra de casa que aínda non chegou".

As Nosas, con 14 puntos, ocupan a 13ª posición da táboa.

Son baixa por lesión Henar e Millene Cabral, que no partido ante o UD Costa Adeje Tenerife da pasada fin de semana sufriu unha luxación acromio-clavicular no seu ombreiro dereito, ademais de policontusións na cara e tronco. 

Fran Alonso cualificou esta lesión como "moi importante para nós pero iso ábrelle a porta a outras xogadoras con moitísimo fame, con moito talento e moitas ganas de triunfar".

Pola súa banda, o FC Badalona Women, con 17 puntos, é 9º na táboa após o seu empate sen goles en Lezama ante o Athletic Club no seu primeiro partido do ano 2026.

No partido da primeira volta, disputado en ABANCA-RIAZOR o 30 de agosto (1ª xornada), houbo empate sen goles.

No seu campo esta temporada as catalás gañaron ao Madrid CFF (1-0); empataron co DUX Logroño (0-0), Sevilla FC (0-0), Levante UD (1-1) e RCD Espanyol (1-1); e caeron coa Real Sociedad (0-2) e FC Barcelona (1-5). 

O Dépor ABANCA adéstrase este sabado 17 de xaneiro ás 9:30 no Dépor Training Center antes de viaxar a Cataluña con esta folla de ruta:

Sábado 17 de xaneiro
11:15: Saída do autocar a Santiago
13:40: Saída do voo con destino ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
15:20 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas
17:30 (hora aproximada): Chegada ao Hotel Empordà Golf Resort en Gualta, Girona

Domingo 18 de xaneiro
12:00: FC Badalona Women - Deportivo ABANCA, no Estadi Municipal de Palamós - Costa Brava
Ao concluír, comida no Restaurante Hostal Costa Brava
20:25: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona - Josep Tarradellas con destino o Aeroporto da Coruña
22:10 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto da Coruña