RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA con ganas de reaccionar mañá recibe arroupado por ANOSAFORZA ao CD Osasuna Fundación Femenino en Abegondo

O Dépor ABANCA regresa a Abegondo mañá sábado 23 de marzo ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) ante o CD Fundación Osasuna Femenino en partido correspondente á 21ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

A pesar da derrota (despois de 15 partidos sen perder) na visita ao FC Barcelona B (6-2) do pasado sábado, As Nosas mandan na clasificación con 47 puntos; por 45 das azulgranas, que non poden ascender pola súa condición de filial; e 44 do RCD Espanyol de Barcelona (3º).

En rolda de prensa, Irene Ferreras admitiu que "a semana de traballo foi para dixerir o que pasou a fin de semana pasada sobre todo e a partir do martes coa vista posta neste partido que temos agora".

A preparadora branquiazul confesa que "me gustou moito o carácter das futbolistas. Vinas reaccionar, apertar. O equipo está serio, con ganas de reaccionar mañá e facer un bo partido para levarnos 3 puntos e seguir aí arriba".

Son baixa forzosa por lesión Ayaka; e por sanción Inés Altamira.

Así mesmo, Paula Novo e Lucía Rivas son as representantes de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o CD Osasuna Fundación Femenino, que a pasada fin de semana goleou (4-1) ao Madrid CFF B, é 4º na táboa con 36 puntos.

Na primeira volta disputada en Tajonar o pasado 17 de decembro venceron as branquiazuis (1-2) con dobrete de Millene (na foto da noticia).

Fóra da súa casa esta temporada o equipo rojillo gañou ao FC Barcelona B (0-1), SE AEM (0-1), Alhama CF (0-1) e Atlético de Madrid B (2-4); empatou co Athletic Club B (2-2), Deportivo Alavés (0-0), DUX Logroño (0-0) e RCD Espanyol (1-1); e perdeu co Madrid CFF B (2-1) e Cacereño Femenino (2-1).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición das localidades nun proceso 100 % telemático.

A xestión pode realizarse desde a publicación desta nota informativa e até completar a bancada. As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até esta noite ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese localidades aínda dispoñibles, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 5 euros.

Finalizado o choque, As Nosas adéstranse o domingo 24 de marzo ás 10:15 na Cidade Deportiva.