RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "moi ben fisicamente, mentalmente" arrinca 2026 en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife

O Dépor ABANCA conclúe a primeira volta da Liga F este domingo 11 de xaneiro ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife.

As Nosas chegan a este primeiro partido do ano 2026 en 13ª posición con 13 puntos.

Fran Alonso asegura estar "moi contento de como se coidaron no período vacacional. Chegaron moi ben fisicamente, emocionalmente. Están moi enchufadas, con moitísimas ganas".

O técnico deportivista advirte do potencial do rival, "nunha posición moi cómoda, un equipo moi difícil de bater; pero temos moita confianza porque nos vemos ben. Estamos a crecer e vémonos con confianza".

Recalca ademais as boas noticias na enfermaría: "Monteagudo está a adestrar co equipo. Lesionouse cando estaba nun bo momento de forma e botámola de menos. Espe xa xogou uns minutos en Copa e xa está a adestrar con normalidade. É outra xogadora que non tivo moita sorte nesta primeira volta. Temos moita confianza nela para a segunda".

Afirma que as demais xogadoras "veñen moi ben" salvo Henar, "cunha lesión de longa duración".

Pola súa banda, o UD Costa Adeje Tenerife retoma a liga após o parón do Nadal con novo adestrador, Yerai Martín, e en 5ª posición con 24 puntos; iso si, sen unha das súas mellores xogadoras, Amani Bernadette, que xogará no Bayern de Munich.

Existe un precedente entre ambos os equipos esta temporada. Foi o pasado 16 de agosto de 2025 con motivo do Trofeo Teide. Venceron as branquiazuis por 0-4 con goles de Marisa -2-, Barth e Ainhoa Marín.

Fóra de casa esta temporada as insulares gañaron ao Sevilla FC Femenino (0-4), Alhama CF (0-4), Real Sociedad (1-2), Levante UD (2-4) e Madrid CFF (0-2); empataron co Athletic Club (0-0); e perderon co FC Barcelona (2-0).

Yerai Martín subliña que "debemos estar moi concentradas e preparadas. Sabemos que o partido terá momentos con balón e outros sen balón, pero estamos concienciadas e listas para facer un bo partido".

Do Dépor ABANCA opina que "é un gran rival. Se cremos que pola situación clasificatoria imos gañar o partido, equivocarémonos. Teñen moitos argumentos ofensivos, xogan en casa e poden dominar distintos momentos do xogo".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 12 de xaneiro ás 10:30 no Dépor Training Center.