RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "que sempre se baseou no crecemento" recibe mañá sábado en ABANCA-RIAZOR ao Madrid CFF coas novidades de Henar e Michi Apóstol

O Dépor ABANCA recupera a Henar para o choque de mañá sábado 12 de outubro en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, Dazn) ante o Madrid CFF, correspondente á 6ª xornada en Liga F.

O mediocentro regresa á convocatoria despois da súa lesión no Trofeo Teresa Herrera do pasado mes de agosto.

En rolda de prensa, Irene Ferreras destaca que por primeira vez esta temporada "teño a todo o cadro dispoñible. Por fin teño a Henar en convocatoria dispoñible para xogar uns minutos. Con todo o equipo preparado".

Tamén será a primeira citación da internacional venezolana Michi Apóstol, que desde a súa chegada ao equipo xogou habitualmente no filial.

Após a derrota (1-0) a pasada fin de semana en Badalona case no último minuto, as deportivistas encaran o choque na 14ª posición con 2 puntos en busca da primeira vitoria en liga.

A preparadora branquiazul subliña que "temos as contas claras, os partidos que nos quedan por diante. Cando tes unha visión global do que ten que ser a temporada perdes esa angustia".

Apunta que "se algo ten este equipo é que sempre se baseou no crecemento, no proceso, no que dentro deses altibaixos imos mellorando as nosas prestacións. Se somos capaces de non atender a esa presión vaino a sacar adiante, vai competir".

Pola súa banda, o Madrid CFF, que esta mañá tamén se adestrou en Abegondo, preséntase en ABANCA-RIAZOR após un severa pero lóxica goleada no seu campo (1-8) ante o FC Barcelona.

A pesar diso, as madrileñas transitan na zona media da táboa: son décimas con 6 puntos.

Lonxe do seu campo esta campaña, o Madrid CFF caeu nos seus dous partidos xogados: co FC Levante Badalona (1-0) e co Atlético de Madrid (4-0).

Finalizado o encontro, As Nosas teñen o domingo 13 de outubro xornada de descanso.