RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor "coa xente contenta, con ANOSAFORZA entusiasmada" visita a un Albacete Balompié "cunha motivación extra"

O Dépor enfróntase ao Albacete Balompié este sábado 29 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, GOL, TEN e TVG) en partido correspondente á 16ª xornada.

O triunfo da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o AD Ceuta FC deixou a Os Nosos con 29 puntos na 1ª posición, igualado a puntos co Real Racing Club (2º) e a UD Las Palmas (3º).

Antonio Hidalgo insistiu en rolda de prensa en "pór en valor o que se fai, a dificultade da categoría".

Ve "á xente contenta, á contorna contenta, a #ANOSAFORZA entusiasmada e iso é o mellor que podemos facer. Darlles traballo, compromiso e iso é o que nos pide o Club".

Estiveron con adestramento personalizado Ximo Navarro, Escudero, Daniel Bachmann e Luismi Cruz, este con unha lesión muscular nos isquiotibiais.

O técnico deportivista explicou respecto diso que "Luis ten unha pequena lesión que non é moi grave. Entendemos que antes de que acabe o ano imos poder contar con el".

O Dépor realizou este venres ás 10:00 unha última sesión de traballo no Dépor Training Center antes de viaxar a Albacete, vía Madrid.

O corpo técnico dispuxo no campo 2, após unha activación, un exercicio táctico, fútbol reducido, finalizacións e repaso ás accións a balón parado.

O preparador branquiazul advirte que os manchegos "en última liña teñen moitísima xente e por momentos che estresan".

Nájera, Álex Marqués, Samu, Damián Canedo e Quique Teijo foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o Albacete Balompié, que a pasada fin de semana caeu 2-1 na súa visita á UD Las Palmas, é 12º con 19 puntos.

No Estadio Carlos Belmonte esta temporada o conxunto manchego gañou ao Real Valladolid (2-0), SD Huesca (2-1) e FC Andorra (1-0); empatou co AD Ceuta FC (0-0); e caeu co Real Racing Club (2-3), CD Mirandés (1-4) e Córdoba CF (1-3).

En rolda de prensa, Escriche apunta do Dépor que "é o equipo que vai líder da clasificación. É un partido difícil, teñen xogadores top da categoría por non dicirche máis e afrontamos o partido cunha motivación extra de que é o líder e de que estamos en casa".

O dianteiro albaceteño lembra que "levamos 2 vitorias seguidas en casa e coa afección pegada a nós que temos podemos complicarllo moito".

Pola súa banda, Alberto González confirmou as baixas de Villar, Higinio e Agus Medina. 

Cualifica ao Dépor como "un gran equipo que encima se nos deu mal a temporada pasada. É un reto bonito, ilusionante o poder enfrontarnos ao equipo que volve ir líder".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan por estrada e adestraranse de novo o luns 1 de decembro ás 10:30 no Dépor Training Center nunha semana tamén con Copa del Rey.