RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor cuxo camiño é só pensar no próximo partido, visita mañá ao CD Teruel nun duelo de máxima dificultade

O Dépor visita mañá sábado 13 de abril ás 20:00 horas (FEF TV) ao CD Teruel en partido correspondente á 32ª xornada en Primera Federación.

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa esta mesma mañá que "o noso partido é só pensar no próximo partido. Os 3 puntos que temos enfronte`para nós son os máis importantes da temporada. Non pensamos variar este camiño".

Os resultados da última xornada, co triunfo (1-0) sobre Unionistas de Salamanca CF en ABANCA-RIAZOR, deixaron a Os Nosos á fronte da táboa unha semana máis con 61 puntos por 58 do FC Barcelona Atlètic, 2º. Por detrás veñen o Nástic de Tarragona (57 puntos), Celta Fortuna (54 puntos) e SD Ponferradina (53 puntos).

O adestrador branquiazul advirte que o partido de mañá é "de máxima dificultade. Sabemos o ben preparado que está o CD Teruel e imos co mellor que entendo eu para tentar gañar o partido. E así semana a semana".

Será baixa Raúl Alcaina, sancionado cun partido por acumulación de amoestacións; e Lucas Pérez, hoxe de novo con adestramento individual.

O adestrador branquiazul asegurou que "está mellor pero fáltalle un pouquiño, así que imos esperar que poida estar para a semana que vén".

Rubén López será o único representante de #ANOSACANTEIRA nunha citación de 23 futbolistas.

O equipo realizou un último ensaio esta mañá en Abegondo ás 10:00, unha hora antes do habitual, antes de viaxar, vía Madrid. O corpo técnico dispuxo dunha activación cun roldo e un último repaso aos conceptos tácticos.

A pesar dos case 900 quilómetros de distancia que separan as dúas cidades, polo menos medio milleiro de deportivistas animarán ao seu equipo desde as bancadas do campo Pinilla.

Pola súa banda, o CD Teruel chega ao encontro após un empate en Sabadell (1-1) e situado en 18ª posición con 32 puntos.

Iso si, os turolenses marcharían entre o cinco primeiros nunha hipotética clasificación só da segunda volta da competición.

En ABANCA-RIAZOR na primeira volta (imaxe da noticia) disputado o pasado 10 de setembro (3ª xornada) houbo empate sen goles.

No seu campo esta temporada, o CD Teruel gañou á UE Cornellà (1-0), CF Rayo Majadahonda (1-0) e Real Unión (2-1); empatou coa Real Sociedad B (0-0), CD Arenteiro (0-0), CF Fuenlabrada (0-0), CE Sabadell FC (2-2), Cultural Leonesa (0-0) e SD Tarazona (0-0); e perdeu co Nástic (0-1), SD Ponferradina (0-2), Celta Fortuna (0-2), SD Logroñés (0-2), CD Lugo (1-2) e FC Barcelona Atlétic (2-4).

O seu técnico Raúl Jardiel afirma que o Dépor "está a facer as cousas moi ben. É o actual líder, vén nunha dinámica tremenda de resultados. Non imos dicir todo o que significa como club, o que é o Deportivo da Coruña no fútbol español e internacional, a masa social que ten, a historia, a dimensión futbolística... É un equipo que vai líder, cunha dinámica moi positiva sen ser unha casualidade. Ten futbolistas moi bos cun adestrador ao que admiro moito. Ese traballo de adestrador vén notando porque ten unha moi boa organización, está a conseguir que o equipo xogue ao que os xogadores necesitan, sacando moi boas versións".

Destaca a "Lucas Pérez, Barbero, Mella, Yeremay, Davo, Hugo Rama que agora está a participar, a xente de atrás, do medio... Está a facer un xogo colectivo que favorece moito que ese potencial individual funcione".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan en autocar, con chegada prevista á primeira hora da mañá do domingo. Imanol Idiakez citou aos seus xogadores de novo o luns 15 de abril ás 8:30 para almorzar e saltar ao céspede a partir das 11:00 horas.