RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Derrota do Dépor ante o Granada CF nun partido no que "todo o que pasou foi na nosa contra"

O Dépor caeu por 2-3 en ABANCA-RIAZOR cun Granada CF que se está xogando o posto de play off de ascenso, en partido correspondente á 40ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz marchouse do estadio coa sensación de que no partido "todo o que pasou foi na nosa contra. Nos momentos clave todo saíu para o Granada CF".

Houbo ambiente deportivista na bancada e fóra, posto que o encontro coincidiu co Día das Peñas, con comida e actuacións musicais na rúa Almirante Cadarso (unha das perpendiculares á Tribuna).

Con este resultado, Os Nosos quedan con 53 puntos na metade da táboa.

O técnico deportivista introduciu varios cambios no once inicial respecto ao encontro ante o Sporting de Gijón da pasada fin de semana.

Germán Parreño relevou a Helton Leite na portería; Cristian Herrera a Yeremay na banda zurda e Mfulu a Genreau no mediocentro.

Adiantouse o Granada CF nunha rápida transición que culminou Rebbach aos 9 minutos cun tiro cruzado ao que non pode chegar Germán Parreño. A xogada veu precedida dun agarrón a Diego Villares cando se plantou só ante Mariño que nin o colexiado nin o VAR apreciaron como penalti e expulsión do defensor branquivermello.

"A culpa foi de Villares porque é un rapaz demasiado honrado", subliñou o adestrador do Dépor de maneira irónica na sala de prensa. "Díxenlle ao árbitro, se hai que tirarse que avise", subliñou.

Aos 25 minutos, Diego Gómez, en posición forzada desde o chan, estivo a piques de sorprender a Diego Mariño cun remate que se marchou lixeiramente alto.

Os andaluces puxeron terra polo medio no marcador cun gol de Lucas Boyé ao aproveitarse dunha indecisión da defensa deportivista.

Aos 33 minutos, Germán Parreño evita o terceiro cunha gran parada. Rebbach recibe só no segundo pau e o porteiro deportivista evitou un gol que se cantaba na bancada.

Diego Gómez recorta diferenzas aos 35 minutos após recibir de Eddahchouri nunha rápida transición, pero o gol foi anulado por fóra de xogo do dianteiro holandés no inicio da xogada.

Con este resultado chegouse ao descanso.

"Na primeira parte o Granada CF foi mellor que nós. En canto a fútbol foi un dos mellores equipos que pasou por ABANCA-RIAZOR, polo menos desde que eu estou", apuntou o técnico branquiazul. "Cos 3 xogadores que meteu por dentro tiña a capacidade de ter o balón e que nós tivésemos que xuntarnos para poder roubalo", engadiu á vez que cualifica como clave "porse axiña por baixo no marcador".

Após o paso polos vestiarios, Óscar Gilsanz introduciu  de inicio os seus dous primeiros cambios. Patiño e Hugo Rama relevaron a Mfulu e Mario Soriano.

"Fixemos cambios para ter máis xogadores con pé para situarnos en campo contrario, que o Granada CF dese dous pasos para atrás e tivese que defender no seu campo", explicou Óscar Gilsanz.

E conseguiuno, posto que os deportivistas levaron o paso do partido nunha tarde con moita calor.

Aos 57 minutos, Hugo Rama dispara dentro da área. Mariño logra despexar a saque de esquina. 

Escudero, aos 68 minutos, estrela un balón no traveseiro cun gran disparo desde moi lonxe. O lateral deportivista, que relevou a Obrador no 61, recolleu un rexeite da defensa granadina após unha falta lateral que el mesmo executou.

Barbero mete ao Dépor no partido. Aproveita un erro de Diego Mariño para roubarlle a pelota fóra da área e marcar a porta baleira.

Pero pouco durou a alegría. Á xogada seguinte Manu Trigueros marca a pracer nunha xogada desde a banda esquerda do Granada CF.

"Canto máis buscas a portería contraria, con máis xogadores ofensivos desequilibras a parte defensiva. E o rival atopa físgoas para facer contras. Iso desgasta moito. Correr para atrás cando non acabas as xogadas", apuntou o preparador de Os Nosos.

O árbitro murciano Sánchez López si sinalou penalti por derriba a Yeremay dentro da área no minuto 89. O canario marca ao Panenka.

"Foi moi tarde", lamentouse Óscar Gilsanz sobre o tanto do talentoso canteirán deportivista.

Os últimos minutos foron de abafo do Dépor a un Granada CF que, froito do cansazo, tampouco aproveitou algunha que outra contra en superioridade numérica.

Deportivo: Germán Parreño, Petxarroman, Pablo Vázquez, Jaime, Obrador (Escudero, min. 61), Villares, Mfulu (Patiño, min. 46), Cristian Herrera (Barbero, min. 67), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 46), Diego Gómez (Yeremay, min. 74) e Eddahchouri

Granada CF: Mariño, Rubén (Ricard, min. 70), Lucas Boyé, Villar, Tsitaishvili (Rodelas, min. 78), Neva (Brau, min. 78), Lama, Sergio Ruiz (Hongla, min. 70), Rebbach, Manu Trigueros e Williams.

Árbitro: Sánchez López, do comité murciano. Amoestou a Patiño (min. 63), Ricard (min. 89) e Escudero (min. 90). Expulsou con vermella directa a Barbero (min. 90).

Goles: 0-1 Rebbach (min. 9); 0-2 Lucas Boyé (min. 28); 1-2 Barbero (min. 71); 1-3 Manu Trigueros (min. 72); 2-3 Yeremay (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 40ª xornada en LaLiga Hypermotion que o Dépor xogou cunha camiseta exclusiva que o Club e Kappa lanzaron polo 25 Aniversario da consecución do título de liga. Interpretouse o himno galego ao ser hoxe 17 de maio Día das Letras Galegas. Asistiron 19.688 espectadores