RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
O RC Deportivo presenta a súa terceira equipación 2026-27, unha homenaxe a Galicia, ao mar e á identidade coruñesa

DÉPOR · 25 XULLO 2026

O RC DEPORTIVO PRESENTA A SÚA TERCEIRA EQUIPACIÓN 2026-27, UNHA HOMENAXE A GALICIA, AO MAR E Á IDENTIDADE CORUÑESA

O RC Deportivo completa as súas equipacións para a temporada 2026-27 cunha camiseta na que o Club volve render homenaxe a Galicia o 25 de xullo (coincidindo co Día de Galicia). Unha proposta na que o Club atopa no mar e na tradición mariñeira a mellor forma de expresar ese vínculo coa terra á que pertence.A nova equipación ten como gran protagonista a Cruz de San Andrés, na parte frontal do deseño, como un símbolo ligado historicamente á tradición marítima coruñesa. Durante o século XIX, esta cruz formou parte da enseña da provincia marítima da Coruña, converténdose nun elemento recoñecible máis alá das fronteiras.O RC Deportivo recupera este símbolo como unha expresión da identidade atlántica que comparten Galicia, A Coruña e o propio Club. Unha referencia ao mar, á tradición mariñeira e a unha forma de entender o territorio que forma parte do deportivismo desde as súas orixes. A Cruz de San Andrés representa ese vínculo permanente entre o deportivismo, o Atlántico e a cidade que viu nacer o Club.O deseño aposta polo branco como fondo, intercalado co renovado azul Dépor, cor protagonista da recentemente actualizada identidade visual do Club. Con este debúxase a Cruz de San Andrés, que incorpora un patrón gráfico inspirado no movemento das ondas.Como xa aconteceu coa primeira e a segunda equipación, a camiseta incorpora o parche conmemorativo do 120 aniversario, un distintivo que acompaña todas as equipacións desta temporada tan especial para a entidade e que lembra máis dun século de historia do Club.

camisetagallega0725.png

A conexión entre a Cruz de San Andrés e o RC Deportivo remóntase ao deseño orixinal do Estadio de Riazor, que desde a súa construción ata a remodelación con motivo do Mundial de 1982 contou con este elemento na súa balaustrada. Na actualidade aínda se conservan algunhas destas cruces na Torre de Maratón.Con esta terceira equipación, o RC Deportivo volve render homenaxe a Galicia a través dun dos elementos que mellor definen a súa identidade: o mar. Unha camiseta que mira ao Atlántico, recoñece a súa tradición mariñeira e pon en valor unha identidade compartida por xeracións de deportivistas.Para presentar esta equipación, o RC Deportivo aposta por un formato próximo ao documental e ao fotoxornalismo. A terceira pel do Club vístena os membros dunha tripulación mentres realizan diferentes labores. O mesmo mar que durante séculos deu sustento a Galicia, que viu partir a milleiros de emigrantes na procura dun futuro mellor e que hoxe segue a ser o lugar onde persoas de diferentes procedencias comparten un mesmo oficio, acaba por converterse no protagonista. Unha historia de mar, identidade e pertenza que continúa a escribirse cada día.

galiciacamiseta0725.png