RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor "en boa liña e cumprindo o obxectivo marcado" mídese á SD Eibar este sábado 21 ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR

O Dépor recibe á SD Eibar este sábado 21 de febreiro ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 27ª xornada en LaLiga Hypermotion retransmitido en directo por LaLiga TV, TVG, GOL e Cayo TV.

Os Nosos chegan ao encontro en 4ª posición con 43 puntos.

Antonio Hidalgo subliña que o equipo "tamén está en boa liña, cumprindo o obxectivo marcado". 

Admite que "hai momentos do partido nos que o equipo xoga ben e que rende ben. Noto ilusión na xente, esa presión, esa ansiedade por subir pero isto é unha carreira longa".

Con todo o cadro dispoñible para o encontro, é baixa por sanción Giacomo Quagliata.

Sobre a súa substitución, o preparador deportivista explica que en Castellón "David Mella deu un nivel bo máis como carrilero que de lateral puro. Ten condicións para adaptarse a esa posición. Escudero é un xogador con moitísima traxectoria, con moito peso dentro do vestiario. Mañá decidiremos a mellor opción".

O equipo realizou este venres 20 de febreiro un último ensaio no Dépor Training Center, cunha activación, un ensaio ao plan de partido, fútbol reducido e un repaso ás accións a balón parado.

Bil e Noé foron os representantes de #ANOSACANTEIRA. 

O técnico deportivista indica sobre os canteiráns que "temos que ver os procesos de todo o mundo. Tentamos ir con calma. O filial está a xogarse algo importante. Temos un volume moi grande de xogadores no cadro. Seguen traballando connosco e tentaremos ir sacando o máximo de cada un deles".

Tamén admitiu que "chegamos ao último adestramento con algúns casos que non temos claro en que momento de saúde están. Ximo sentiu o outro día unha pequena molestia e imos ver que decidimos. Hai xogadores con outro tipo de molestia que tivemos que ir regulando durante a semana".

Pola súa banda, a SD Eibar, que a pasada fin de semana derrotou por 2-1 en Ipurúa ao Real Racing Club, é 12º con 35 puntos.

No choque da primeira volta celebrado na cidade vasca o pasado 28 de setembro de 2025, houbo empate a un gol (1-1) con tanto azulgrana no desconto.

Lonxe de Ipurúa, a SD Eibar empatou ante o Málaga CF (1-1), Sporting de Gijón (1-1), Córdoba CF (0-0), Granada CF (0-0) e Real Zaragoza (1-1); e caeu coa SD Huesca (2-1), Cádiz CF (1-0), AD Ceuta FC (1-0), UD Las Palmas (3-1), UD Almería (3-1), Real Racing Club (4-0) e Burgos CF (1-0). 

É dicir, sen lograr un triunfo lonxe de Ipurúa, o seu técnico Beñat San José afirma que "en lugar de velo como un lastre, vémolo como unha conta atrás positiva. Demos pequenos pasos puntuando e cremos que a vitoria ten que chegar".

Apuntou sobre o Dépor que "é un gran equipo. Non só ten un bo once titular, senón un cadro de persoal completo e un adestrador con moita experiencia e nivel táctico. É un club histórico e na súa casa espero un partido moi intenso, moi táctico e con moito talento individual".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o martes 24 de febreiro ás 17:00 no Dépor Training Center.