RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor "cos ánimos renovados" incide este xoves 19 na estratexia e en "mellorar as cousas que fixemos mal"

O Dépor fixo especial fincapé este xoves 19 de febreiro no campo 2 do Dépor Training Center nas accións a balón parado de cara ao encontro deste sábado 21 de febreiro ás 16:15 (LaLiga TV, TVG, GOL e Cayo TV) en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar. 

David Mella, en rolda de prensa, asegurou que "estamos xa cos ánimos renovados para o partido desta fin de semana".

O internacional deportivista pide "afrontalo coas mesmas ganas que o anterior e tentar conseguir os 3 puntos".

O corpo técnico dispuxo ademais, após unha activación con xogos e rondos, unha tarefa de finalizacións e un exercicio táctico.

David Mella cre que no SkyFi Castalia "o equipo estivo bastante ben. Hai que puír uns matices. Só tivemos un tiro a porta pero si algunhas chegadas claras para poder finalizar mellor a xogada".

Insiste en "deixar o partido do CD Castellón atrás, mellorar as cousas que fixemos mal e afrontar o partido desta fin de semana coa mellor cara posible".

Ximo Navarro estivo hoxe con adestramento personalizado mentres que Bil e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Este venres 20, ás 10:30 no Dépor Training Center, o Dépor realizará a última sesión antes do partido ante a SD Eibar.