RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Miguel Loureiro: "Non é tan importante agora mesmo verse aí ou estar aí dentro senón estar preto"

Co equipo en 4ª posición da Liga Hypermotion, Miguel Loureiro apuntou esta mércores 18 de febreiro na sala de prensa do Dépor Training Center que "queda moitísimo. Non é tan importante agora mesmo verse aí ou estar aí dentro senón estar preto".

Aspira a "lograr esa regularidade que che permite non saír desas posicións en ningún momento, e chegar con boas sensacións e unha boa dinámica á parte decisiva da temporada. De momento queda moitísimo".

O central deportivista pide "ser optimistas. Quero mandar unha mensaxe positiva e traballar cada día para mellorar en todas estas xornadas que quedan, sacar o máximo de puntos posibles pero sen estresarnos pola situación clasificatoria".

Da SD Eibar, rival este sábado 21 de febreiro ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV, TVG, GOL e Cayo TV) que suma 30 puntos en casa e tan só 5 fóra, opina que "se fai moi forte no seu campo, un campo peculiar, cunhas características moi determinadas. É un campo no que é moi difícil xogar, competir".

Loureiro asegura que este dato "é algo que non nos inflúe na preparación do partido porque hai que prestar atención ás características dos xogadores, ao que fan como equipo; e creo que son un equipo bo, moi ben adestrado".

Por todo iso, vaticina un partido "difícil. Vannos a pór as cousas complicadas. Canto máis se achega o final de temporada todo iguálase un pouco máis, os partidos péchanse. Se cadra na primeira parte da temporada é máis fácil ver partidos máis abertos, en contextos máis rotos. Agora cada equipo tenta facerse forte, conceder o menos posible. Hai que estar preparados para un partido difícil que imos ter o sábado".

Finalmente, a nivel individual, afirma que "me está tocando participar na esquerda agora. Non é algo novo para min. Tívenme que adaptar moitas veces a ese perfil esquerdo coas súas peculiaridades. Iso necesita un traballo, unha adaptación. Xa o veño facendo desde hai tempo. Cada futbolista temos unhas características determinadas, somos conscientes do que o míster nos pide e do que quere de nós. Eu trato de achegar no que creo que son mellor, no que creo que vou sumar máis ao equipo. Na parcela defensiva é onde máis podo axudar".