O Dépor rende visita mañá domingo 19 de xaneiro ás 14:00 (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) ao Burgos CF en partido correspondente á 23ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os resultados da última xornada, co empate (1-1) en Málaga o pasado sábado, deixaron ao Dépor en 17ª posición da táboa con 25 puntos.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, explica que un rival que concede moi pouco como os burgaleses, "xunta liñas, e obrígache a xerar os espazos e a non vivir en espazos amplos ás costas da súa liña defensiva. Evidentemente iso forma parte do xogo, tamén se traballa".
Advirte ante os medios que "iso sempre ten unha ameaza, que é que o rival tamén quéreche contraatacar a ti cando está replegado. Entón hai que vivir sobre todo nese equilibrio, ser conscientes do partido que che espera cando o rival recupere a pelota e che faga esa transición, estar preparados para iso e xa non só mental, senón mental e táctico tamén, loxicamente".
O Dépor, co fabrilista Kevin Sánchez, realizou esta mañá unha última sesión de adestramento na Cidade Deportiva. O equipo adiantou ás 10:00 o horario de traballo posto que ao concluír, os branquiazuis emprenden viaxe por estrada a Burgos.
O corpo técnico dispuxo unha activación cun roldo, fútbol en espazo reducido e un último repaso ás accións a balón parado.
Non saltaron ao céspede Escudero, con adestramento personalizado; e Charlie Patiño, afectado dunha viriasis.
Como é habitual, unha nutrida representación de #ANOSAFORZA animará a Os Nosos nas bancadas do Plantío.
O RC Deportivo recibiu para as 268 entradas postas a disposición do Club polo Burgos CF (as outras están xestionadas pola Federación de Penas) un total de 1.863 solicitudes.
Ambos os equipos víronse as caras o pasado 22 de setembro en ABANCA-RIAZOR (xornada 6ª). Venceron os burgaleses (0-2) cun gol no minuto 88 e outro no 96.
O Burgos CF, que a pasada fin de semana empatou (0-0) no Nuevo Los Cármenes ante o Granada CF, é 16º na táboa con 27 puntos.
No Plantío os casteláns, dirixidos polo ex futbolista do Dépor Luis Miguel Ramis, gañaron ao FC Cartagena (3-1), Real Zaragoza (1-0), SD Eibar (1-0), CD Eldense (1-0) e CD Tenerife (1-0); empataron co Granada CF (2-2), Racing de Ferrol (1-1) e Málaga CF (0-0); e perderon co CD Castellón (0-2), CD Mirandés (0-1) e Sporting de Gijón (0-2).
En rolda de prensa, Ramis confirmou a baixa de Marcelo, á vez que explicou que Álex Sancrís "está mellor. A segunda resonancia falaba dunha evolución favorable. Esta semana fixo un traballo adaptado, parte co equipo e parte co readaptador. Mañá (por hoxe) adestrará co grupo e se non ten ningunha molestia estará dispoñible".
Asegura que "seguimos coa intención de afastarnos de abaixo para logo seguir dando pasos até onde nos chegue".
Do Dépor opina que "é un bo equipo. Cando mira cara á portería rival ten capacidade. Non ten as virtudes doutros equipos con máis variedade no xogo de ataque. O seu xogo de ataque baséase en accións de desequilibrio individual pero ten varios xogadores muuy desequilibrantes e que se asocian moi ben entre eles en situacións de ataque".
Finalizado o choque no Plantío, Os Nosos adestraranse de novo o luns 20 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.
