O Dépor empeza mañá domingo o mes de febreiro e á vez conclúe en Ipurúa ante a SD Eibar (16:15, LaLiga TV Hypermotion) unha extenuante semana con 3 partidos.
Ademais, o cadro viuse obrigada a afrontar os longos desprazamentos a Tenerife e Eibar, co que á carga física únense os case 6.000 quilómetros percorridos por futbolistas e técnicos.
O empate (0-0) do pasado mércores 29 de xaneiro no Heliodoro Rodríguez López, en partido aprazado o pasado mes de decembro por un temporal que azoutou as Canarias, deixou a Os Nosos con 29 puntos na 16ª posición da táboa.
"Cando eu empecei estabamos en descenso e se perdiamos pasábanos o último. Agora estamos entre eses 3 ou 4 equipos que preceden aos que están en descenso. Hai que mirar ao partido de Eibar, ver os puntos que imos facendo e ver a realidade, que é que estamos nesa pelexa", afirmou onte Óscar Gilsanz en rolda de prensa.
Insiste en que "a ambición é o día a día. Todos os que estamos aquí estamos a demostrar que estamos nesa pelexa. Cando esa pelexa sexa pasado, veremos outra cousa. Non nos facemos ningún favor se empezamos a pensar cousas que non estamos a demostrar. Estamos a demostrar que estamos na pelexa de saír deses postos, temos que concienciarnos de que calquera partido se pode gañar, perder ou empatar independentemente da posición do rival ao que che enfrontas. Imos ir partido a partido porque é o máis sensato".
Así pois, a folla de ruta é "tentar gañar en Eibar. Se durante o partido complícase e sacas un punto será un punto máis. E se perdes haberá que analizar e pensar en mellorar para o próximo partido".
O conxunto branquiazul preséntase en Ipurúa após pechar dous reforzos no mercado invernal: o dianteiro Zakaria Eddahchouri e o centrocampista Denis Genreau (na foto principal da noticia). Ambos adestráronse con normalidade esta mañá no campo 3 de Abegondo.
O técnico deportivista dispuxo unha activación cun roldo, e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.
Non estivo Escudero, operado onte no Hospital Universitario Quironsalud A Luz de Madrid do seu cóbado esquerdo; e Mfulu, con adestramento personalizado.
Pola súa banda, a SD Eibar, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en Elche, ten 32 puntos situado na 11ª posición da táboa.
Na primeira volta en ABANCA-RIAZOR venceron Os Nosos (1-0) cun gol no desconto de Mario Soriano, ex futbolista eibarrés a temporada pasada.
No seu campo esta campaña o equipo de Joseba Etxeberría venceu ao CD Castellón (1-0), CD Tenerife (1-0), CD Eldense (1-0), Cádiz CF (1-0), Racing de Ferrol (2-0), FC Cartagena (1-0) e Real Zaragoza (2-1); empatou co Levante UD (2-2), Granada CF (1-1) e Albacete Balompié (1-1); e perdeu co Sporting de Gijón (1-3) e Elche CF (0-2).
A SD Eibar tamén se reforzou neste mercado invernal coa chegada do centrocampista Iván Gil procedente da UD Las Palmas, Javi Martínez do CA Osasuna, o defensor azulgrana Arnau Comas e o gardameta Álex Domínguez.
En rolda de prensa, o adestrador armeiro advirte que "a vía para gañar é ser máis equipo que nunca, poder atacar todos, ter un volume de achegamentos importante e defender todos. E canto máis lonxe da nosa portería podamos defender moito mellor".
Lembrou que "xogamos en casa, necesitamos incomodar durante todo o partido ao Dépor para que non saian as súas virtudes, para que os seus xogadores de fóra non poidan encarar con facilidade".
Finalizado o adestramento desta mañá en Abegondo, o Dépor emprende viaxe por estrada ao País Vasco.
