RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor que quere "seguir empuxando, crendo na idea" recibe ao Granada CF en ABANCA-RIAZOR este domingo 8 de marzo ás 21:00 horas nun partido "de moitísima intensidade"

O Dépor enfróntase ao Granada CF este domingo 8 de marzo ás 21:00 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) en ABANCA-RIAZOR en partido correspondente 29ª xornada en LaLiga Hypermotion.

O triunfo da pasada fin de semana en Zubieta deixou a Os Nosos con 49 puntos na 3ª posición, igualado co CD Castellón (2º) e coa UD Almería (4º).

A regulamentación establece que para desfacer esa igualada, debido a que falta o CD Castellón - UD Almería por xogarse nunha hipotética liga entre os 3 equipos, recórrese á diferenza entre goles marcados e encaixados: +17 ten o CD Castellón por +13 Dépor e UD Almería. 

Así pois, os levantinos ocuparían a 2ª posición; e faltarían por desempatar Dépor e UD Almería.

O seguinte criterio son os goles encaixados. E aí gañan os branquiazuis porque recibiron menos tantos que os branquivermellos: 31 por 40.

Así pois, o Dépor situaríase na 3ª posición e a UD Almería, na 4ª.

Antonio Hidalgo asegurou na sala de prensa do Dépor Training Center que "a esixencia é máxima. Así nolo fan sentir. Hai que seguir empuxando, crendo na idea. Estamos nun Club cunha historia grande detrás, que che marca unha esixencia diaria".

É baixa Yeremay, afectado de "unhas molestias de pube desde hai tempo. O outro día acrecentóuselle un pouco e localizouse un pouco máis no aductor", tal e como onte apuntou o técnico deportivista.

Ve ao canteirán "contento, animado, preparado para poder recuperarse canto antes. Agora que tivo o parón pola sanción aproveitou para porse a punto. Véxolle tranquilo, traballando coa máxima dedicación", insiste.

O Dépor, coa única ausencia do canario, que xa se adestra no campo co readaptador Nando Rodríguez, realizou este sábado un último adestramento no Dépor Training Center.

O corpo técnico dispuxo, após unha activación con xogos, fútbol reducido, unha tarefa de transicións con finalizacións, e un último ensaio ás accións a balón parado.

Bil foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o Granada CF, que a pasada fin de semana caeu (0-1) no Nuevo Los Cármenes co Málaga CF, é 17º con 32 puntos.

No partido da primeira volta correspondente á 1ª xornada de liga, venceron os branquiazuis por 1-3 con goles de Mario Soriano, Eddahchouri e Escudero.

Antonio Hidalgo advirte do conxunto andaluz que ten "unha intensidade altísima, cunha presión alta moi grande. Ten bos xogadores pero non atoparon esa xeira de resultados que lle poida pór nunha situación máis tranquila. Conseguírano pero algunha derrota ultimamente fíxolles baixar posicións. Vai ser un partido moi igualado, de moitísima intensidade, de moitísima concentración. Será un partido disputado".

Lonxe do Nuevo Los Cármenes esta temporada o Granada CF, no que milita cedido polo Dépor Bouldini, gañou á SD Huesca (0-1), Cultural Leonesa (0-1) e Cádiz CF (1-2); empatou co Málaga CF (2-2), Burgos CF (1-1), FC Andorra (0-0) e Real Racing Club (2-2); e perdeu coa SD Eibar (3-0), Real Valladolid (2-1), Sporting de Gijón (1-0), UD Almería (3-2), CD Leganés (1-0) e AD Ceuta FC (2-1). 

En rolda de prensa Pacheta, técnico granadino, confirmou que Sergio Ruiz chega a tempo para viaxar a ABANCA-RIAZOR e que Alcaraz "está en dúbidas. Pau Casadesús non chega, Pedro Alemañ tampouco, Pablo Sáenz cremos que chega. E Moha (Bouldini) está xusto", aclarou.

Tivo palabras para Stoichkov, cedido no Dépor polo Granada CF: "É moi bo futbolista pero agora está no outro lado. O ano que vén ten que volver outra vez. El vai defender os seus intereses e eu vou defender os meus. É un xogador que sabes o que che pode facer".

Apuntou que "do Dépor preocúpanme os seus detalles e intento minimizalos. O Dépor ten moitos futbolistas moi bos, moi rápidos pero nós temos alternativas para paralos".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 9 de marzo ás 11:30 no Dépor Training Center.