O Deportivo recibe mañá sábado 11 de novembro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e FEF TV) á SD Logroñés en partido correspondente á 12ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
O partido chega após unha semana de moito traballo e análise en Abegondo despois do segundo tempo da pasada fin de semana no Stadium Gal ante a Real Unión de Irún, que desembocou nun doloroso 3-0 e que deixou a Os Nosos na 12ª posición da táboa con 14 puntos.
Na rolda de prensa previa de hoxe, Imanol Idiakez comentou que "a semana foi de menos a máis. Despois de derrotas así son un pouco de menos a máis. Nos primeiros días toca analizar, toca mirarse dentro, toca facer análise. Daquela o equipo reaccionou ben, fixo unha boa semana de adestramentos. Estamos preparados para mañá, con moitas ganas de que chegue o partido".
Quere que "toda esa rabia que tiñamos o domingo focalizala mañá no partido, tentar volver gañar en ABANCA-RIAZOR, volver darlle unha alegría a #ANOSAFORZA e esquecer definitivamente o tropezo de Irún".
Os futbolistas que pasaron pola sala de prensa estes días tampouco puxeron ningún pero á derrota.
Pablo Vázquez, após recibir o Premio Estrela Galicia que o acredita como mellor xogador branquiazul do mes de outubro, cre que "a segunda parte que fixemos o outro día non corresponde en absoluto con este equipo".
Iso si, un dos capitáns, Diego Villares, lembrou ante os medios de comunicación que o equipo chegou a Irún "de 3 partidos moi bos, desde Ponferrada en diante. O equipo estaba a ser reconocible e regular".
Mañá, Imanol Idiakez non poderá contar cos lesionados Yeremay, Barbero, Pablo Muñoz, Ximo Navarro e o canteirán Mella.
Sobre Yeremay, o adestrador branquiazul asegura que "está a ir ao ritmo que lle deixa a perna. Esta semana ten mellores sensacións físicas. Séguelle doendo nalgunhas accións de fútbol co cal lle limita. Non sabemos cal vai ser a evolución. A previsión era a que era e xa nos habemos ir por encima. Imos esperar. Oxalá a semana que vén haxa unha evolución positiva e esas molestias que non lle permiten facer fútbol váianse e poida incorporarse canto antes".
Ao fío dos demais lesionados, lembra o prepararor deportivista que "a lesión de Yeremay e Barbero son dúas lesións sobre as que non podes facer moito. Son cousas do xogo. Ás musculares dámoslle máis voltas todos, todos os corpos técnicos, todos os clubs do mundo. Incluso os máis importantes cos mellores medios teñen lesións, non o entenden e pregúntanse porqué, e buscan... É verdade que tivemos algunhas recaídas, os campos ás veces están brandos e sobrecargan. Estamos a tentar buscar solucións. O Club está a facer todo o posible porque teñamos os mellores medios, témolos e imos ver se se soluciona".
Por contra, Martín Ochoa, Jairo, Rubén, Marc e Kevin serán os representantes de #ANOSACANTEIRA.
O equipo completou esta mañá unha última sesión de traballo dedicada a dar un repaso ao plan de partido; con, a maiores, unha tarefa de finalizacións e outra de accións a balón parado.
Pola súa banda, a SD Logroñés, que a última vez que visitou ABANCA-RIAZOR (1 de outubro de 2021) rabuñou un empate (1-1) no último instante, regresa á Coruña despois de imporse (2-1) nas Gaunas á SD Tarazona o pasado domingo ao mediodía.
Con este marcador, os rioxanos son décimoquintos na táboa con 13 puntos.
Lonxe do seu campo esta temporada, a SD Logroñés caeu co CD Arenteiro (3-0), Cultural Leonesa (1-0), CD Lugo (2-1) e CF Fuenlabrada (2-1); e gañou á CE Sabadell FC (1-2).
O seu técnico, Andrés García, substituto de Jordi Fabregat no banco rioxano desde o pasado 15 de outubro, advirte que "son 3 puntos máis pero nun escenario como ABANCA-RIAZOR a todo xogador e a todo adestrador gústalle competir".
Lembra que "a vez que foi o Club alí levou 1 punto, co gol de Ledo no desconto. Porqué non repetilo? Porqué non melloralo? Mentalmente témonos que meter iso na cabeza. Desde o respecto a todos os rivais, non lle temos medo a ninguén. Imos competir alí coa idea de levarnos os 3 puntos, logo por como se dea o partido se sacas un punto telo que valorar ou non porque se che puxo de cara para sacar máis".
Insiste en que a idea é "ir gañar a todos os campos. Logo que se dea como se teña que dar; pero a idea a nivel de actitude e de mentalidade ten que ser sempre a de equipo gañador. Nós imos a ABANCA-RIAZOR coa mentalidade de equipo gañador e queremos gañar. Esa é a nosa intención".
Concluído o encontro, o Dépor adestrarase de novo o domingo 12 de novembro ás 10:30 en Abegondo.