RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril cunha evolución moi boa visita mañá domingo a un CD Cayón penúltimo pero moi fiable como local

A Fabril visita ao CD Cayón mañá domingo ás 12:00 no Estadio Fernando Astobiza en Sarón (Cantabria), en choque correspondente á 30ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación. "É un conxunto moi fiable como local", advertiu Óscar Gilsanz na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación.

Non obstante o técnico fabrilista asegurou que no seu equipo "o traballo no día a día é bo, esixente e eles aos poucos van dándolle coa súa enerxía e co seu compromiso ese bo nivel ao traballo do día a día".

Insiste en que "o máis importante para nós é centrarnos no traballo e no día a día. Os xogadores recolleron esa luva e no vestiario non se falou en ningún momento nin de se hai 7 días queriamos gañar para meternos en play off nin se agora temos que pensar só en evitar o descenso e o play out. A evolución do equipo ao longo da temporada foi moi boa. O equipo superou moitas situacións en canto a momentos da competición, en canto a vernos moitas xornadas seguidas nese posto que dá o play out. Iso a nivel formativo para os xogadores tamén foi unha boa proba. O equipo e os xogadores responderon e queremos seguir por ese camiño".

A derrota do pasado domingo en Abegondo ante o UP Langreo (0-1) deixou aos fabrilistas en 10ª posición con 36 puntos.

Óscar Gilsanz recupera a Diego Gómez após cumprir o seu partido de sanción pero non pode contar con Rubén López, citado polo primeiro equipo para o choque ante o Unionistas de Salamanca CF en ABANCA-RIAZOR.

Ademais son baixa David Vilán, cunha lesión no seu nocello esquerdo; e Lache, cunha lesión muscular nos isquiotibiais.

Kevin Sánchez e Mardones son os dous xuvenís presentes na convocatoria do filial após o último adestramento desta mañá en Abegondo.

No partido da primeira volta (ao que pertence a foto da noticia) disputada na Cidade Deportiva o pasado 26 de novembro venceu (2-0) o Fabril, con goles de Iano Simão e Kevin.

Pola súa banda, o conxunto cántabro, que perdeu (1-0) ante o Ourense CF a pasada fin de semana, é 17º (penúltimo) con 26 puntos.

Milita no CD Cayón como cedido o fabrilista Álvaro Santamaría, ao que onte se referiu Óscar Gilsanz na sala de prensa: "Empezou xogando os dous partidos de liga e despois déuselle a oportunidade a outro xogador. Cando quizais mellor estaba no traballo do día a día tivo unha enfermidade que o apartou 10 días do equipo. Ao final tes que elixir e foi perdendo protagonismo, pero é un xogador moi a ter en conta para o futuro. De feito, pensouse que o mellor para el era que xogase e que tivese minutos porque é un activo do Club e ten que seguir traballando con el".

No seu campo esta campaña o CD Cayón gañou ao CD Covadonga (3-1), Racing Villalbés (3-0), Real Valladolid Promesas (3-2), Coruxo FC (2-1) e SD Compostela (4-0); empatou co Pontevedra CF (1-1), Real Avilés Industrial (0-0), Marino de Luanco (1-1), Rayo Cantabria (1-1) e Arandina CF (1-1); e caeu co CD Guijuelo (1-2), Ourense CF (1-3), Zamora CF (0-1) e Real Oviedo Vetusta (0-1).