RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril que "afronta o partido coa importancia que ten" mídese en Abegondo ao Bergantiños CF, un rival directo polo play off de ascenso

O Fabril mídese mañá sábado ás 17:00 (Youtube RC Deportivo) en Abegondo ao Bergantiños CF en partido correspondente á 30ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Os resultados da última xornada, coa derrota en Vigo ante o Coruxo FC, deixou ao filial en 5ª posición da táboa con 44 puntos, 1 punto máis que os carballeses, sextos con 43.

Manuel Pablo, en rolda de prensa, confirmou as baixas dos lesionados Álex Pereira, Noé e Pablo García; ademais de Guerrero, sancionado por acumulación de amoestacións.

O técnico fabrilista confirmou a recuperación de Aarón e Kike Fernández, "con poucos adestramentos pero témolos aí".

Asegura que o filial deportivista "afronta o partido coa importancia que ten".

Pola súa banda, o Bergantiños CF chega a Abegondo tras un empate (1-1) en As Eiroas ante o Pontevedra CF.

No partido da primeira volta disputado o 18 de decembro (aprazado polo temporal en novembro) en As Eiroas venceu o 'Bergan' por 2-1 con dous goles a balón parado.

Lonxe de Carballo esta tempada, o equipo carballés gañou ao Salamanca CF UDS (1-5), RS Gimnástica de Torrelavega (1-3), UP Langreo (1-4), CD Laredo (0-1), Real Ávila CF (0-1) e SD Compostela (0-2); empatou co CD Guijuelo (0-0) e UM Escobedo (1-1); e perdeu co Coruxo FC (2-1), Real Valladolid Promesas (1-0), Pontevedra CF (1-0), Real Avilés Industrial (3-0), CD Numancia (1-0) e UD Llanera (1-0).

Jorge Cuesta, técnico do Bergantiños CF, cualifica o encontro como "importante porque é o rival que temos por encima".

Ve ao seu equipo "con moitas ganas de pelexar por todo ata o final de tempada".

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, ata esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.