RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril que busca "mirar cara arriba máis que cara abaixo" enfróntase ao Rayo Cantabria este domingo ás 12:00 en Astillero

O Fabril enfróntase este domingo 28 de setembro a partir das 12:00 ao Rayo Cantabria, filial do Real Racing Club, ás 12:00 no Municipal de La Planchada sito na localidade cántabra de Astillero.

O filial, coa súa vitoria ante o Salamanca CF UDS por 2-1 da pasada fin de semana en Abegondo, lidera a táboa no grupo 1º de Segunda Federación con 9 puntos de 9 posibles.

En rolda de prensa, Manuel Pablo admite que "sempre queres mirar cara arriba máis que cara abaixo. De primeiras propóñome mirar sempre cara aos postos altos loxicamente. Despois a liga, a medida que vai pasando, pódeche pór noutro contexto que non queres mirar".

Insiste na idea de "ser competitivos, de ser protagonistas. Se es máis efectivo pois mellor. E non vai cambiar iso porque creo que é a formación: ser competitivos, como queres xogar, o que che podes atopar en categorías superiores... Iso non cambia, si o resultado".

É baixa Hugo Torres, "que xa está case saíndo" pero Manuel Pablo poderá contar cos fabrilistas que levou Antonio Hidalgo a Eibar co primeiro equipo: Samu, Kike Fernández e Fabi.

Pola súa banda, o Rayo Cantabria, que a pasada fin de semana empatou (0-0) no seu campo co Burgos CF Promesas, é 10º con 4 puntos.

Ademais desta igualada, saldou con triunfo por 1-0 ante o Marino de Luanco o seu outro encontro disputado en La Planchada.

O seu técnico, Ezequiel Loza, cualificou o choque de "moi bonito para todos. Os mozos están moi motivados e con ganas de que chegue o domingo".

Cre que o Fabril "é un rival moi forte ao que lle están saíndo moi ben as cousas, está a facer moi ben as cousas e por iso está na primeira posición".

Quere que os seus xogadores "sexan dominadores, xeren situacións, traballen ben defensivamente porque eles teñen moita calidade, xente moi rápida polo que imos ter que defender moi ben".