O Fabril impúxose por 2-1 este sábado 7 de marzo ao Rayo Cantabria en partido correspondente á 26ª xornada en Segunda Federación.
Con este resultado, o filial suma 53 puntos á fronte da táboa á espera do partido do Oviedo Vetusta (52 puntos) este domingo 8 en Ourense.
Manuel Pablo cualificou o triunfo como "moi sufrido, como todos ultimamente"; e viu un partido "bastante disputado. Eles tiveron as súas oportunidades na primeira parte. A nós custounos un pouco hoxe".
Foron baixa Bil, convocado polo primeiro equipo; ademais dos lesionados Damián Canedo, Manu Ferreiro e Fabi, este con unha escordadura de nocello.
Precisamente Manu Ferreiro será intervido este luns 9 de marzo dunha rotura no tendón proximal da musculatura isquiotibial da súa perna dereita en Barcelona polo doutor Jordi Puigdellívol. O período de recuperación non será inferior a 5 meses.
O primeiro disparo con perigo do partido foi de Pablo Cortés, aos 12 minutos. Após unha boa arrancada o aragonés xutou demasiado alto.
Adiantouse o Fabril aos 14 minutos. Nájera recibe na área de Garrido e cruza o balón con clase ante a saída de Laro. Era o seu gol número 11 en liga esta temporada.
No outro área, Hugo Ríos evitou o gol do empate a disparos de Mascaró primeiro e de Diego Díaz despois. Espléndido o capitán fabrilista primeiro co pé e logo sacando unha man nun balón raso axustado ao pau dereito.
Quique Teijo, esta tarde como central, probou fortuna aos 23 minutos desde moi lonxe. O balón foise rozando o pau dereito da portería cántabra.
Dous minutos máis tarde, no 25, Dipanda dispara lixeiramente desviado.
O partido era moi aberto. "Eles teñen calidade arriba, xogan ben", advertiu o técnico fabrilista.
Á media hora, Dipanda, con todo a favor, perdoa o segundo gol. O dianteiro fabrilista, xa co meta Laro superado, recibiu un gran pase de Noé desde a banda dereita pero non acertou a golpear ben a pelota.
"Despois do gol tivemos algunha situación próxima ou clara pero eles tiveron os seus achegamentos. Estabamos lonxe da liña defensiva cando queriamos sacar o balón. E custounos", recoñeceu o preparador fabrilista.
De novo Hugo Ríos interpúxose nun perigoso disparo de Mascaró entre unha nube de pernas. Corría o minuto 34.
Aos 36 minutos, o colexiado do encontro, o asturiano Hugo Alonso Luiña, sinalou un rigoroso penalti de Mane a Mascaró. "Foi unha xogada un pouco rara", opinou Manuel Pablo na rolda de prensa pospartido.
Diego Díaz transformou a pena máxima e subiu a igualdade no marcador.
Foi precisamente Diego Díaz o que cabeceou pouco despois un balón ao saque dunha falta lateral que se foi fóra por pouco.
Ao descanso chegouse con ese empate a un gol.
Após o paso polos vestiarios, Laro vese obrigado a intervir a disparos de Dipanda (minuto 61) e de Noé (minuto 62).
Manuel Pablo move pezas. Domínguez releva a Dipanda e Íker Vidal a Garrido.
Apertou o Fabril nos últimos minutos en busca do triunfo coa entrada de Dani Estévez e Héctor Areosa.
Precisamente Dani Estévez a punto estivo de marcar cun potente disparo que saca Laro a córner con moitos apuros.
O tanto do triunfo chegou no desconto. Mane centra desde a dereita ao corazón da área e Nájera cabecea lonxe do alcance de Laro. O tanto do triunfo desatou a tolemia na bancada e no banco fabrilista, que correu a celebralo cos futbolistas que estaban sobre o céspede.
"A segunda parte foi moi disputada. Faltounos en área ser máis constantes. En oportunidades claras non atacamos zonas de área. Nájera, sempre que está aí, conseguiu facer ese gol", resumiu Manuel Pablo.
O vindeiro sábado 14 de febreiro ás 19:00, a Fabril visita no campo de La Albuera á Gimnástica Segoviana CF.
Fabril: Hugo Ríos, Pablo García (Mario Hermo, min. 89), Samu, Quique Teijo, Mane, Garrido (Íker Vidal, min. 63), Enrique Fernández (Héctor Areosa, min. 72), Noé, Nájera, Pablo Cortés (Dani Estévez, min. 72) e Dipanda (Domínguez, min. 63)
Rayo Cantabria: Laro, Argos, Díaz de Alda, Samu (Dani Cordero, min. 89), Solórzano (Hugo Martín, min. 73), Mascaró (Manu, min. 89), Vallecillo (Javi García, min. 73), Sergio, Rodri Ramos, Vasiljevic (Diouf, min. 90+1) e Diego Díaz.
Árbitro: Hugo Alonso Luiña, do comité asturiano. Amoestou a Hugo Ríos (min. 37), Mascaró (min. 45), Samu (min. 46), Dani Estévez (min. 78), Javi García (min. 85) e Domínguez (min. 90+3)
Goles: 1-0 Nájera (min. 14); 1-1 Diego Díaz, de penalti (min. 38); 2-1 Nájera (min. 90+1)
Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias nunha tarde sen choiva pero fría
