RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un sólido e intelixente Dépor ABANCA logra a súa primeira vitoria en Liga F ao derrotar ao Athletic Club en ABANCA-RIAZOR

O Dépor ABANCA logrou este domingo en ABANCA-RIAZOR a súa primeira vitoria da temporada ao vencer por 1-0 ao Athletic Club.

Decidiu o partido un gol á media hora de Ainhoa Marín, declarada MVP do partido.

Os números das Nosas son moi positivos: 2 empates e 1 vitoria; e tan só 1 gol encaixado en 3 partidos.

Fran Alonso, na sala de prensa, apuntou que "na formulación do partido saíron ben unhas cousas e outras non. O rival afundiunos máis do que queriamos pero soubemos ser intelixentes e explotar o espazo ás costas en varias ocasións".

Con este resultado alcanzan os 5 puntos na zona media da táboa.

O conxunto deportivista recuperou a Vera, pero seguen de baixa Espe Pizarro e Millene.

Tampouco estivo Marina Artero, cunha penalización económica para xogar contemplada no seu contrato de cesión do Athletic Club.

Paula Novo, Redru e Michi Apóstol foron as representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria.

Pola súa banda, o Athletic Club presentábase en ABANCA-RIAZOR cunha derrota previsible pero dura (1-8) ante o FC Barcelona.

As branquivermellas tiñan 1 punto e quedan con esa puntuación concluído o encontro.

A pesar do seu arranque ligueiro, o Athletic ten un cadro con varias internacionais absolutas (Nanclares, Nerea Nevado e Zubieta) e varias en categorías inferiores (Elexpuru, Agote...)

Ambos os equipos víronse as caras esta pasada pretemporada en Llanes. Nesa ocasión gañou o Athletic por 3-2 nun partido de poder a poder.

Comezou apertando o Athletic. Aos 3 minutos, Zubieta queda soa ante Inês Pereira pero non precisou o seu remate obstaculizada pola defensa deportivista.

No entanto, puido adiantarse o Dépor ABANCA aos 21 minutos. Nun desaxuste defensivo bilbaíno o balón longo de Inês Pereira chégalle a Olaya, que cede a Ainhoa Marín á sua dereita pero a internacional non controla ben ante a porteira Nanclares.

As Nosas comezaron a contragolpear con perigo.

E nunha desas transicións chegou o tanto de Ainhoa Marín, primeiro e único do partido, á media hora.

A internacional conduce unha contra, pasa a Bárbara que ingresa na área por velocidade e devolve en profundidade a Ainhoa que, libre de marca, bate a pracer a Nanclares.

Acusou o Athletic o golpe e as branquiazuis sentiron cómodas coa súa formulación de partido.

A última da primeira metade foi para Valero, que no tempo de prolongación cabeceou fóra por pouco un saque de esquina.

Após o paso polos vestiarios o partido seguiu coa mesma tónica.

Paula Monteagudo obriga a Nanclares a facer unha boa parada após recibir na área de Barbara e Ainhoa Marín tamén puido ampliar a vantaxe no minuto 50 pero o seu centro chute atallouno con apuros e en dous tempos Nanclares porque lle botou xusto diante.

Agote respondeu o minuto 51 pero o seu remate atállao Inês Pereira.

A mellor ocasión do encontro foi un man a man de Sara Ortega ante Inês Pereira. O balón márchase fóra por pouco.

Fran Alonso move pezas. Henar, Paula Novo e Marisa substitúen a Paula G., Monteagudo e Bárbara.

Controlou perfectamente o encontro o Dépor ABANCA ante un Athletic espeso.

Nos últimos minutos si chegou o sufrimento para As Nosas cun centro chute ao traveseiro de Nerea Nevado e unha cabezada de Sanadri que detivo na mesma raia de gol Inês Pereira.

O Athletic, sen nada que perder e con máis corazón que cabeza, logrou meter na súa área ao Dépor ABANCA nesa recta final.

A pesar diso o conxunto de Fran Alonso mantívose firme e sumou a súa primeira vitoria. "O equipo demostrou unha madurez que o ano pasado non tiñamos. A última hora soubemos sufrir e estou moi contento de conseguir os 3 puntos diante de #ANOSAFORZA", concluíu o preparador deportivista.

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara Ortiz (Cavanagh, min. 88), Paula G. (Henar, min. 64), Olaya, Monteagudo (Paula Novo, min. 64), Ainhoa Marín, Raquel, Bárbara (Marisa, min. 64), Elena, Lucía Martínez (Redru, min. 78) e Barth

Athletic Club: Nanclares, Maddi (Landaluze, min. 62), Valero (Oihana, min. 84), Zubieta (Oguiza, min. 78), Azkona (Sanadri, min. 78), Baños, Nerea Nevado, Ortega, Elexpuru, Campos (Vilariño, min. 62) e Agote

Árbitro: Ylenia Sánchez, do comité catalán. Amoestou a Campos (min. 23), Monteagudo (min. 52), Landaluze (min. 66) e Barth (min. 90)

Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 30)

Incidencias: partido correspondente á 3ª xornada en Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.015 espectadores