RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Valencia máis acertado imponse ao Dépor ABANCA en Paterna (3-0)

Con ceo despexado e un céspede en magníficas condicións, o invitado molesto da mañá en Valencia foi o vento, que na primeira parte favorecía os ataques locais no Antonio Puchades de Paterna. Dentro do terreo de xogo, o regreso de Sullastres á portería branquiazul e a titularidade de Lady Andrade foron outras das grandes novidades do madrugador partido do Dépor ABANCA.

Após a primeira chegada a balón parado da Valencia, o Dépor ABANCA montou unha contra dúas para tres rematada por Peke, que acabou en córner. Do saque de esquina chegou a primeira oportunidade branquiazul, que rematou desviado Gaby, como o fixo Ana Torrodá no minuto 7 na aproximación inicial valencianista.

A propia Torrodá meteu un balón en área camiño do primeiro cuarto de hora, ao que non puido chegar Candela co esférico paseándose pola área. Foi o prolegómeno do primeiro gol do partido nunha xogada na que Jansen, após falta reclamada polas nosas, buscou o apoio en banda en Asun para desmarcarse e rematar de cabeza a xogada que adiantaba ás locais.

O tanto non cambiou a filosofía das deportivistas sobre o campo, buscando constantemente as rápidas saídas ao contrataque. Mentres, o Valencia trataba de controlar o partido e xeraba ocasións, algunhas en colaboración co vento, como a cesión de Villegas a Sullastres que se envelenou e acabou en córner. Na xogada seguinte, que tamén acabou en saque de esquina, unha contra rematada por Lady Andrade obrigou a intervir con acerto a Enith. Excedida a media hora, nunha falta de Pulladas sobre Athenea, desde tres cuartos de campo, disparou Blanco. O zapatazo da tica fixo tremer o traveseiro da portería de Enith noutra ocasión que demostraba a vontade constante das nosas de igualar o partido.

Foron as ocasións máis claras antes de que o partido convertésese nun intercambio constante de ataques nunha e outra área na que ningún dos dous equipos conseguiu materializar as súas chegadas, a pesar de que Jansen, no 43, estivo a piques de complicar máis o camiño aos vestiarios do Dépor ABANCA. E tamén a saída após o descanso porque a neerlandesa volveu pór a proba a Sullastres nada máis reiniciarse o encontro.

A presión arriba do Dépor ABANCA estivo a piques de dar os seus froitos cunha recuperación de Gaby que non puido materializar. Un erro defensivo branquiazul case acaba custando caro, pero quedou en nada grazas á corrección de Villegas. Aínda que o seguiron tentando, de novo foi máis contundente a Valencia nun pase de Torrodá ás costas da zaga para que Candela Andújar, soa fronte a Esther, puidese materializar o segundo tanto local a pesar de que o partido estaba aberto ao empate do Dépor.

O terceiro evitouno Sullastres en dous tempos nun contra ataque local cando as súas compañeiras trataban de acurtar distancias. A resposta púxoa Gaby pero de novo a acción acabou en saque de esquina. Athenea tamén o tentou cun centro chute blocado por Enith. O Valencia volveu demostrar acerto e lucidez nos últimos metros cunha xogada de Bonsegundo que, após driblar á defensa, bateu de tiro cruzado por terceira ocasión a portería branquiazul.

Michelle Romero, forzando o paradón de Einith con man dereita a córner, camiño do 90, puxo o epílogo ás ocasións non materializadas polo Deportivo mentres que a puntaría local traduciuse en tantos puntos como goles conseguiu no partido en Paterna.

Valencia CF: Enith, María Ortiz, Berta Pulladas (Cris Cubedo min. 78), María Jiménez, Kerlly, Torrodá, Carro, Sandra (Anita Marcos, min. 73), Asun (Bonsegundo, min.46), Candela (Alejandra Serrano, min. 82) e Jansen.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Bedoya (Kika, min. 75), Blanco, Villegas, Alba, Iris, Gaby, Lady (Michelle, min. 67) , Peke e Athenea.

Goles: 1-0 Jansen (min. 13); 2-0 Candela Andújar (min. 62); 3-0 Bonsegundo (min. 74).

Árbitra: González Sánchez (c. Castelán-Leonés). Amoestou a Iris (min. 23), Pulladas (min. 32) e Cris (min. 58).

Incidencias: partido da 16ª xornada de Primera Iberdrola disputado no Estadio Antonio Puchades da Cidade Deportiva de Paterna en Valencia a porta pechada.