RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Unha temporada de récords e innovación en ABANCA-RIAZOR

O RC Deportivo pecha unha temporada de récords en canto a apoio de #ANOSAFORZA. Durante o curso 2022-2023, o Estadio ABANCA-RIAZOR foi escenario de diversos rexistros históricos grazas ao inestimable apoio da súa inesgotable masa social.

A temporada comezou cun histórico rexistro de abonados, alcanzando os 28.346, cifra que obrigou a pechar o capítulo de altas por primeira vez en moitos anos e xerou unha longa lista de espera para poder ser novo socio do Dépor. Posteriormente, a marca de asistencia a un encontro de Primera Federación bateuse até en tres ocasiones, situándoo finalmente nos 31.833 espectadores que presenciaron o partido do ascenso fronte ao FC Barcelona Atlétic. A temporada pechouse coa terceira mellor media de asistencia da historia, con 23.020 espectadores por partido.

Igualmente, o encontro do ascenso do Dépor ABANCA congregou en ABANCA-RIAZOR a 14.057 afeccionados, dobrando o anterior rexistro máximo nun partido do primeiro equipo feminino.

O deportivismo puido gozar de melloras nas instalacións e nos diferentes procesos, como a mellora da oferta nas barras de ABANCA-RIAZOR, a posibilidade de pagar nelas a través do carné de socio ou beneficiarse da cesión do asento de abonado en caso de non poder acudir a un partido.

Estes foron os principais fitos relacionados con ABANCA-RIAZOR e #ANOSAFORZA:

- Récord de asistencia a un partido de Primera Federación en liga regular (28.112 contra o CD Lugo) e en calquer encontro da categoría (29.079 ante a CyD Leonesa e 31.833 fronte ao FC Barcelona Atlètic)
- Terceira mellor media de asistencia na historia do Dépor: 23.020 espectadores por partido
- Cuarta temporada da historia en número de abonados (28.346), só superada por tres campañas en Liga de Campións
- Alcanzado o tope de abonados, xerouse unha lista de espera para darse de alta de máis de 11.000 persoas
- Marca de asistencia a un partido do Dépor ABANCA: 14.057 contra o CP Cacereño Feminino
- Implantación do sistema de liberación de asentos e dixitalización da firma de renovacións e altas
- Transformación da oferta gastronómica nas barras, mellorando a calidade, incorporando produtos locais e aumentando a eficiencia 
- Implementación do sistema moeDÉiro de pago con carné (obtendo descontos) co obxectivo dun estadio cashless 
- Creación dunha nova zona VIP (Tribuna VIP) e proxecto de novo palco VIP para a temporada 24/25, máis moderno, tecnolóxico e adecuado ás esixencias actuais
- Utilización por primeira e única vez no fútbol español da dobre U televisiva en formato físico
- Organización de Fan Zone de gran impacto social e mediático, así como dos festexos polo dobre ascenso. Proxecto de Fan Zone permanente para os días de partido