RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Ximo Navarro ve aos mozos do Dépor "con moita calidade, moi bos, cun futuro impresionante"

Ximo Navarro manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que os mozos do cadro teñen "moita calidade, son xogadores moi bos, cun futuro impresionante. Están a facer as cousas moi ben, con moi bos números: a xente arriba facendo goles, asistencias... Dani Barcia por exemplo tamén está a facer unha temporada moi boa, aínda que estea a debutar".

Así pois, pide "un pouco de paciencia porque o fútbol profesional é moi difícil, esta categoría é moi esixente para a xente nova e vailles a vir moi ben para seguir crecendo. Seguro que nos fan mellor como equipo".

Nesta liña, subliñou que "esta liga é moi competitiva, moi difícil, moi apertada. O obxectivo de todos os equipos ao empezar é chegar aos 50 puntos, que son máis ou menos os que sempre adoitan marcar o permanecer en LaLiga Hypermotion; e a partir de aí os equipos vanse pondo obxectivos. A nós fáltanos un pouco para chegar a ese 50 pero estamos capacitados. Temos moi bo cadro para conseguilo".

Asegura agora que "pensamos no partido do venres, que está practicamente aquí, e tentaremos sumar eses 3 puntos que nos vaian achegando".

Do Córdoba CF, rival ás 21:00 horas en ABANCA-RIAZOR, advirte que "chega en boa serie, que o outro día fixo un partidazo no seu estadio contra un equipo dos fortes da categoría (5-0 ao Granada CF)".

O lateral branquiazul vaticina un encontro "moi difícil como todos os partidos nesta categoría; pero temos confianza para facer un gran partido. O Córdoba CF é un equipo moi alegre ofensivamente, con bos xogadores, que a pesar de ser un recentemente ascendido está a facer unha temporada moi boa. Creo que son 3 puntos máis que nós, así que o está facendo moi ben; e estamos preparados e con confianza para sumar os 3 puntos".

Polo seu gol mostrouse "contento porque valeu para sumar os 3 puntos nun campo moi difícil. Era moi importante para nós sacar ese resultado porque os equipos de abaixo tamén gañan e vaise apertando todo".

Así mesmo, preguntado por Hugo Rama e a súa asistencia no Estadio Carlos Tartiere, Ximo Navarro apunta que "está a demostrar que está preparado para xogar. Tanto el como o demais que están a xogar pouco son xente que adestran moi ben todas as semanas, esperando as oportunidades e estou contento de que as aproveiten".

Finalmente, está convencido que este venres "#ANOSAFORZA vai ir a ABANCA-RIAZOR. Nunca fallan, sempre nos animan. O outro día demostrárono tamén en Oviedo con moita xente desprazada. A nós tócanos facer un gran partido, devolverlles todo o que nos dan. Seguro que todos xuntos sacamos un bo resultado".