RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Yeremay fala de sabor "amargo" e Jose Ángel, de resultado "xusto"

Yeremay e José Ángel pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR após o enfrontamento ante o Córdoba CF.

O xogador canario leva "un sabor amargo" após o empate e considera que o equipo foi "de menos a máis". A pesar de que a primeira metade "o Córdoba CF estivo mellor que nós", sente que na segunda "houbo quince minutos moi bos pola nosa banda. Tiñamos ganas de levarnos os 3 puntos. Ao final ímonos con 1 pero sempre está ben sumar".

Yeremay, que confesa que a súa asistencia foi un disparo, opina que "puidemos meter 1 ou 2 goles máis", pero que tamén puido facelo o Córdoba:  "foi un partido con moitas transicións, espazos, moitas ocasións... Puido ser 3-1 para o Dépor ou para eles. O partido estivo moi igualado".

Finalmente aproveita para eloxiar a #ANOSAFORZA:  "Sempre que xogamos en ABANCA-RIAZOR e estamos a perder ou a empatar están aí axudándonos. Algo que ten moi forte o Dépor é a xente" e pide "dar un paso adiante aquí pola nosa xente. A ver se o logramos".

Pola súa banda, Jose Ángel subliñou que a sensación despois do partido é "agridoce. Non tivemos unha primeira parte moi cómoda. Eles metían moito ritmo con e sen balón. Estivemos un pouco incómodos pero despois do gol deles tivemos 15 minutos de empuxe coa bancada, con ocasións, chegando á área. Aí puidemos meter o segundo gol para gañar o partido. Non foi así pero o empate é xusto porque son un bo equipo. Tiveron unha boa actuación e 1 punto para cada un".

O mediocentro branquiazul cre que "se viu un bo partido porque eramos dous equipos que iamos gañar, non nos deixamos nada. Mesmo nos minutos finais apertamos. Eles tiveron algún achegamento".

Finalmente opina que para gañar o encontro "faltounos ese balón en tres cuartos, ese tiro, esa ocasión para facer o segundo gol".