RCD / RCDEPORTIVO / SECCIÓNS

UN CLUB POLIDEPORTIVO DURANTE MEDIO SÉCULO (1942-1992)

As seccións deportivas do RC Deportivo tinguiron de branco e azul numerosas disciplinas ao longo de exactamente medio século, entre 1942 e 1992.

Aínda que o atletismo é a sección máis duradeira e exitosa, o RC Deportivo contou ao longo dos anos con equipos de deportes tan dispares como xadrez, boxeo, natación, tenis, pelota vasca ou baloncesto.

O 11 de febreiro de 1942, baixo a presidencia de Aurelio Ruenes, o RC Deportivo convértese nun club polideportivo. Desde A Coruña séguese o exemplo doutras entidades españolas e recupérase o espírito co que nacera o Club Deportivo da Sala Calvet, que durante os seus primeiros anos de existencia contaba con conxuntos de traiñeiras, esgrima ou ciclismo.

A directiva deportivista decide conformar equipos de seis deportes: ciclismo, natación, remo, baloncesto, hóckey a patíns e atletismo. Aos poucos meses súmanse outros cinco: pelota vasca, hóckey herba, rugby, tenis e boxeo. A dirección técnica queda en mans de Vicente Cucarella Borrás, ao que se lle asigna un soldo mensual de 400 pesetas.

Durante o mes de xullo de 1942 a directiva acorda designar un delegado para cada disciplina: o sempiterno Virgilio Rodríguez Rincón (atletismo), o seu irmán Sebastián (ciclismo e remo), Antonio Nieto Nieto (natación), Manuel Fernández Vieites (hóckey sobre herba, hóckey a patíns e tenis), Francisco Dans Losada (rugby), Luis Enseñat Soler (baloncesto), Ángel Torres de la Riva (pelota vasca) e Manuel Ponte Patiño (boxeo).

Aínda que non existe rexistro algún de actividade competitiva do RC Deportivo en remo e pelota vasca, os éxitos apenas tardan en chegar noutros deportes. O Club aposta forte polo ciclismo, deporte no que arrasa aquela temporada a nivel nacional. O colofón é a vitoria de Julián Berrendero na clasificación xeral da Vuelta a España, carreira na que o tamén deportivista Delio Rodríguez leva o triunfo en nada menos que oito etapas.

Naquel primeiro ano, tamén se disputa o primeiro partido de hóckey a patíns en chan galego. A Coruña acolle o evento, un choque entre o Sporting Club Casino e o RC Deportivo, no que se impoñen os branquiazuis por 7-6.

O atletismo arranca con forza e súmase aos triunfos a nivel nacional en 1944, ano no que o velocista Moncho Rodriguez proclámase campión de España de 200 e 400 metros lisos ao aire libre. Sería o primeiro de centos de éxitos dos atletas do RC Deportivo.

Un ano antes, o RC Deportivo forma un equipo de rugby, co que disputa ante o SEU de León o segundo partido deste deporte na cidade, nada menos que 31 anos despois do primeiro, unha exhibición entre os compoñentes de dous buques ingleses atracados no porto herculino. Foi unha sección efémera, pois aquel foi o seu primeiro e único partido.

Outros equipos deportivistas que non tiveron demasiado percorrido foron o baloncesto (1942-1943, 1954-1955 e 1965-1967), o tenis (1942-1943), a natación (1942-1943), o boxeo (1943-1955) e o balonmán (1960-1961).

O ano 1959 marca un punto de inflexión, pois a actividade paralízase en todas as seccións.

Durante os anos 60, o RC Deportivo tamén é pioneiro no deporte feminino, coa formación do equipo de atletismo. Nel destaca Nela Souto, que en 1964 conquista os títulos nacionais ao aire libre de 100 e 200 metros lisos, e que forma parte da primeira selección española feminina da historia.

Nesa década xorde a última sección en nacer, que tamén foi a última en morrer. O equipo de xadrez púxose en marcha en 1965 e desapareceu en 1992, coa transformación do Club en SAD.

En 1966, Emiliano Moreno, delegado do equipo de atletismo, é designado responsable das seccións deportivas, o mesmo día (11 de xuño) en que se reinaugura o local social da Mariña para utilización das devanditas seccións. Rogelio Dorado e Enrique Baamonde capitanean as seccións de hóckey a patíns e baloncesto, respectivamente.

Nos anos 70 e 80 prodúcense os maiores días de gloria, fundamentalmente da man do atletismo. Numerosos atletas logran títulos nacionais absolutos, alcanzan a internacionalidade e mesmo tres deles participan nos Xogos Olímpicos: Manuel Gayoso (1972), Isidoro Hornillos (1980) e Colomán Trabado (1984).

Numerosos personaxes da nosa cidade e comunidade autónoma luciron o escudo deportivista como membros destas seccións, como o ex Presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe (atletismo, 1966-1971), o ex Alcalde da Coruña Domingos Merino (xadrez, 1965-1973), o fundador da Academia Olímpica Española Conrado Durántez (atletismo, 1958-1964), o ex director de Cántigas da Terra Javier Fonte Gundín (balonmán, 1960-1961), o ex presidente do RC Deportivo, do Dominicos e da Federación Española de Patinaxe Antonio González (baloncesto, 1943, e hóckey a patíns, 1948-1951), o ex seleccionador español de fútbol Eduardo Toba (atletismo, 1946-1948) ou o conselleiro do Club entre 2014 e 2017 Fernando Vidal (atletismo, 1978-1988).

Igualmente, numerosos personaxes que axudaron á expansión do deporte na cidade, deron os seus primeiros pasos no RC Deportivo. José Manuel Cardesín (lanzador de martelo entre 1974 e 1982, preparador físico do Bosco de baloncesto e profesor do INEF Galicia desde o seu curso inaugural), Manuel Gila (xogador de balonmán na única temporada do Club, despois xuíz de atletismo en varios Xogos Olímpicos), Tito Villar (atleta en 1965 antes dunha extensa traxectoria no balonmán) ou Vicente Veiga (atleta entre 1977 e 1979, preparador físico do Liceo e adestrador de decenas de atletas) son algúns exemplos.