RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
A Xunta de Galicia recibe ao Fabril, que "representa hoxe mellor ca nunca a fortaleza dunha canteira que non deixa de medrar"

DÉPOR FABRIL · 19 MAIO 2026

A XUNTA DE GALICIA RECIBE AO FABRIL, QUE "REPRESENTA HOXE MELLOR CA NUNCA A FORTALEZA DUNHA CANTEIRA QUE NON DEIXA DE MEDRAR"

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, recibiron ao Fabril co obxectivo de trasladarlle a felicitación e o recoñecemento institucional da Xunta de Galicia tras o seu ascenso á Primera Federación, despois de proclamarse campión do Grupo I de Segunda Federación sendo ademais o equipo con máis puntos de toda a categoría.Por parte do Club asistiron á recepción oficial o corpo técnico e o cadro de xogadores ao completo, incluídos Bil e Noé, que están en dinámica do primeiro equipo, acompañados polo conselleiro Carlos Ballesta.Durante o encontro, ambos responsables quixeron poñer en valor unha temporada "sobresaínte e exemplar" que, segundo destacaron, "trascende o puramente deportivo para converterse nunha mostra clara de que o traballo de base, a confianza na formación e a aposta polo talento propio son a mellor garantía de futuro".

20260519_fabrilxunta2.jpg

Belén do Campo sinalou que este ascenso "supón unha grande satisfacción para toda a provincia da Coruña e para o deporte galego, ao demostrar que os proxectos construídos desde a identidade, o esforzo e o sentimento de pertenza teñen recompensa". A delegada incidiu en que o Fabril "representa hoxe mellor ca nunca a fortaleza dunha canteira que non deixa de medrar e de ofrecer oportunidades ás e aos futbolistas formados na nosa terra".Pola súa banda, Roberto García destacou que o regreso do conxunto fabrilista á categoría de bronce do fútbol español "é moito máis ca un éxito competitivo; é a confirmación dun camiño sólido e ben definido, no que a formación integral dos deportistas e a planificación a longo prazo están a dar os seus froitos". Neste sentido, subliñou que "o Fabril se converte nun referente para o fútbol galego e nun exemplo de como a aposta polos xogadores da casa reforza a identidade e o futuro dun club".Os representantes da Xunta salientaron que detrás deste logro existe "un equipo deportivo exemplar", que comeza no fútbol base, se consolida a través do traballo desenvolvido no Dépor Training Center e se proxecta cara ao futuro cun modelo que non só forma futbolistas, senón tamén persoas comprometidas, constantes, humildes e ambiciosas.

20260519_fabrilxunta5.jpg

Pola súa banda, Hugo Ríos sinalou que “para nós é un orgullo compartir este momento nunha institución que representa a todos os galegos”.

O capitán fabrilista apunta que “este ascenso é froito do traballo, do compromiso e da unión de todo o grupo durante toda a temporada. Tamén reflicte o esforzo diario que se realiza na canteira do Deportivo e o apoio constante que recibimos do Club, das nosas familias e da afección deportivista”.

“Recibir hoxe este respaldo anímanos a seguir medrando, traballando e representando con responsabilidade ao Deportivo e a Galicia nesta nova categoría”, engadiu o gardameta coruñés.O acto concluíu cun posado co trofeo que acredita ao Fabril como campión do grupo 1º de Segunda Federación.

20260519_fabrilxunta3.jpg