RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
María Pita estoupa de ledicia cos ídolos blanquiazules

DÉPOR · 26 MAIO 2026

MARÍA PITA ESTOUPA DE LEDICIA COS ÍDOLOS BLANQUIAZULES

A praza de María Pita estoupou de ledicia con milleiros de deportivistas entusiasmados co Dépor, asomado aos balcóns do pazo municipal.Tras o saúdo da alcaldesa Inés Rey e do presidente do RC Deportivo, Juan Carlos Escotet Rodríguez, foron pasando polo micrófono todos os membros do cadro deportivista.Houbo, por suposto, agradecemento eterno dos futbolistas polo apoio en ABANCA-RIAZOR e en todos os campos de España; o perdón de Charlie Patiño polo seu erro defensivo en Huesca que significou o empate; o chiste de Stoichkov, como os centos que leva contado esta temporada nas concentracións; ou a frase de Álvaro Ferllo que se fixo viral: "Non nacín deportivista pero morrerei deportivista".Antes, o consello de administración encabezado polo presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez, futbolistas e corpo técnico foron recibidos no salón de sesións.A alcaldesa comezou o seu discurso afirmando que "chegou o día máis esperado por todos. O Dépor é de Primeira. Parabéns". Afirmou que o "equipo volve á categoría que non debimos abandonar e facémolo todos xuntos, Club e afección".Antonio Hidalgo, pola súa banda, subliñou que "a afección empurrounos en todo momento" e deu as grazas ao 'Presi' porque "sen ti isto non sería posible". Acordouse dos "momentos duros que pasamos xuntos" e concluíu cun "grazas á miña plantilla por crer, por confiar, por loitar".O capitán Diego Villares apuntou que este ascenso "non só pertence ao Club senón a toda a cidade da Coruña, que non deixou de crer".

hidalgoyescotet.jpg

Pechou a quenda de intervencións o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez, cuxo discurso íntegro é o seguinte:"Alcaldesa, membros da corporación municipal, autoridades, queridos deportivistas: hoxe é un día histórico para o Real Club Deportivo, para A Coruña e para Galicia. O Deportivo volve á Primera División.E faino despois dun camiño longo, difícil e esixente, no que houbo momentos moi duros, pero tamén unha convicción que nunca desapareceu: a de que este club ía volver ao lugar que lle corresponde.Hoxe sentimos unha alegría inmensa. Pero tamén sentimos orgullo. Orgullo por un equipo que competiu con ambición, compromiso e personalidade. Orgullo por todas as persoas que traballan cada día dentro do club, moitas veces lonxe dos focos, contribuíndo a que esta entidade seguise avanzando mesmo nos momentos máis complexos.E, sobre todo, orgullo por unha afección que nunca deixou de crer.Porque se algo demostrou o deportivismo durante todos estes anos é que nunca abandona o Deportivo.Nos momentos máis difíciles, ABANCA RIAZOR seguiu cheo. O equipo seguiu sentindo o apoio da súa xente dentro e fóra da casa. E esa fidelidade ten hoxe unha recompensa absolutamente merecida.O equipo volve a Primera, pero a afección do Deportivo nunca deixou de ser de Primera. Este ascenso ten un enorme valor porque non representa só un éxito deportivo. Representa a confirmación dun camiño construído paso a paso, con esforzo, con responsabilidade e cunha enorme fe colectiva.Hai tempo entendemos que non abondaba con ascender. Había que reconstruír o club desde dentro. Había que facelo con estabilidade institucional, cunha estrutura máis sólida, cunha aposta decidida pola canteira e cunha visión de futuro capaz de soster este proxecto no tempo. E iso é o que intentamos facer cada día.Este ascenso non foi casualidade. Foi traballo.Foi perseveranza.E foi unidade. Unidade entre club, cidade e afección.Por iso, quero tamén trasladar hoxe, desde o respecto institucional, unha mensaxe de responsabilidade compartida. O Deportivo e A Coruña demostraron historicamente que, cando traballan unidos, son capaces de construír proxectos transformadores e de xerar unha ilusión colectiva que transcende o fútbol.Creo que este é o momento de consolidar unha etapa de estabilidade, colaboración e visión de longo percorrido entre o club e as institucións da cidade.Alcaldesa, estou convencido de que A Coruña merece un marco de entendemento sólido, sereno e duradeiro, que transcenda conxunturas e pense no futuro da cidade, do seu deporte e das vindeiras xeracións de deportivistas.Desde o Real Club Deportivo sempre atoparán unha vontade firme de diálogo, lealdade institucional e traballo conxunto en beneficio do interese xeral de A Coruña. Porque cando o Deportivo avanza unido á súa cidade, avanza tamén unha parte moi importante da identidade, do orgullo e da proxección de A Coruña.Este logro pertence a moita xente. Pertence a quen estivo sempre. A quen herdou este sentimento das súas familias. A quen percorreu milleiros de quilómetros acompañando o equipo. E tamén aos nenos e nenas que hoxe volven ver o Deportivo en Primeira División e que representan o futuro deste club.Pero hoxe non remata un camiño. Hoxe comeza unha nova responsabilidade. A Primeira División esixe máis. Esixe seguir medrando, seguir traballando e seguir competindo con humildade, ambición e profesionalidade.Ese será o noso compromiso: consolidar este proxecto e seguir construíndo un Deportivo cada vez máis forte, máis estable e máis preparado para o futuro.Hoxe podemos dicilo con orgullo: creémolo, traballámolo e conseguímolo.Moitas grazas. E Forza Dépor".

  • balcon1.jpg
  • hidalgo.jpg
  • ximo.jpg
  • lucas.jpg
  • vistabalcon.jpg