RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

A falta de colaboración do Concello da Coruña pon en perigo o futuro do Dépor na Segunda División da Liga Española

Desde fai máis de tres anos o Real Club Deportivo está a solicitar ao Concello da Coruña a ampliación do convenio sobre o uso do Estadio ABANCA-RIAZOR. Este acordo é imprescindible para garantir o futuro do Club na categoría de prata do fútbol español.
 
A liga precisa un certificado de uso e goce do estadio que debe emitir o Concello para a temporada 24/25. Ademais, a non dispoñibilidade a longo prazo do estadio pon ao Club nunha situación de precariedade e incerteza.
 
O non ter convenio co Concello supón tamén un problema financeiro para o Dépor, pois todos os investimentos en mellora e modernización do campo necesarias deben ser amortizadas a 15 meses e non en varios anos, como sucedería cun convenio. Unha situación así podería afectar mesmo na existencia de recursos financeiros suficientes para as fichaxes.

Desde hai dúas temporada o Concello non colabora de forma comercial co Deportivo para promocionar e promover o turismo na cidade da Coruña, aínda que o Club estea disposto a colaborar como sucede de forma recorrente con Xunta de Galicia e Deputación da Coruña. 

Numerosos municipios españois con equipos en Primeira e Segunda División apoian economicamente aos clubs da súa cidade polos beneficios económicos que supón a presenza dos clubs no fútbol profesional e contan con convenios de uso de estadios gratuítos, con medias de prazo de 40-50 anos.

O Concello ten desde xaneiro un borrador que, en aras da transparencia anexamos (https://rcd.lc/convenio), que se negociou durante esta temporada, onde o Dépor accedeu a todas as peticións feitas polo Concello, incluíndo pagos de arrendamento que nunca antes na historia do Club realizáronse. Neste sentido, o Concello trasladou en varias ocasións ao Club que está de acordo con ese borrador pero de forma reiterada segue sen executar a firma do mesmo sen razón aparente, a pesar da absoluta disposición por parte do Deportivo.

O Deportivo considera que a cidade e os afeccionados do equipo necesitan un Club cunha estrutura empresarial e deportiva sólida para afrontar os grandes retos que lle esperan. E para iso é necesaria a colaboración de todas as institucións, incluído o Concello da cidade.

Tal e como anunciou o RC Deportivo este domingo, a afección poderá gozar de novas celebracións do recentemente conseguido ascenso o próximo 25 de maio tralo último encontro da temporada regular fronte á Real Unión. Para iso, o Club tramitará os permisos oportunos en Catro Camiños e noutro espazo tipo Fan Zone en María Pita ou outra localización que permita o goberno local, co fin de que a cidade poida seguir gozando do logro conseguido polo cadro deportivista.

/* Bot imbee */