RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

A Fundación RC Deportivo lanza 'Brazeletes Solidarios', un proxecto para dar visibilidade a causas solidarias durante toda a temporada

A Fundación RC Deportivo presentou na sala de prensa do Dépor Training Center o proxecto Brazaletes Solidarios, unha iniciativa innovadora e con alto valor social, deseñada para dar visibilidade a distintas causas solidarias ao longo dos 10 meses de competición da temporada deportiva.

A través da personalización mensual dos brazaletes de capitán tanto nos partidos oficiais dos primeiros equipos masculino e feminino como nos do Dépor Genuine, preténdese xerar conciencia, empatía e compromiso ao redor de problemáticas sociais de relevancia local, nacional e internacional. 

Esta acción reforza o papel do RC Deportivo como institución de referencia dentro e fóra do terreo de xogo, abanderando valores como a inclusión, a solidariedade e a xustiza social.

No acto participaron Carlos Ballesta, conselleiro delegado do RC Deportivo; Carlos García, coordinador de proxectos da Fundación do RC Deportivo; e Antonio Hernández Fernández, director de Saúde Mental FEAFES Galicia.

O conselleiro deportivista afirmou que esta iniciativa "nos enorgullece a todos os que formamos parte do RC Deportivo e reflicte a mellor versión do que somos como Club".

Asegura Ballesta que "o Deportivo é moito máis que fútbol. Somos unha institución con arraigamento, cunha gran masa social e coa responsabilidade de utilizar a nosa voz para amplificar causas que importan. Con Brazaletes Solidarios, reforzamos o noso papel como entidade comprometida cos valores que dan sentido ao noso escudo: respecto, empatía e comunidade".

Pola súa banda, Carlos García asegura que "se trata de fortalecer os lazos co deporte profesional, especialmente o fútbol, que é un gran motor de cambio social".

Apunta que esta iniciativa "se verá desde o partido deste domingo (en ABANCA-RIAZOR ante o Real Valladolid) neste caso con FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia) coa que compartiremos o noso primeiro brazalete solidario".

Pechou o acto Antonio Hernández, director de Saúde Mental FEAFES Galicia, quen explicou que "somos unha entidade de ámbito autonómico, que agrupa a todas as entidades que traballan con enfermos mentais e as súas familias" e "sensibilizar á sociedade sobre esta discapacidade, que é moi incapacitante."

Finalmente agradeceu ao RC Deportivo porque "grazas a esta iniciativa a nosa causa e as 9 seguintes van ter unha visibilidade social moi grande".